MÁIS

A verde Carixa do Deza

Unha área exemplo de autosuficiencia.
A área recreativa da Carixa atópase na parroquia de Merza, concello de Vila de Cruces (O Deza). [Foto: Nós Diario]
photo_camera A área recreativa da Carixa atópase na parroquia de Merza, concello de Vila de Cruces (O Deza). [Foto: Nós Diario]

A área recreativa da Carixa atópase na parroquia de Merza, que forma parte do concello de Vila de Cruces (O Deza). Conta con todo o equipamento necesario para unha tarde de verán aos pés do río Deza: zonas verdes para chantar a toalla, aseos, aparellos de ximnasia, parque para as crianzas e unha área de pícnic habilitada con mesas e grellas. No marco da praia fluvial tamén se atopa un quiosco e un bar.

A Carixa é exemplo de autosuficiencia e coidado do medio ambiente, posto que a área está equipada con paneis solares que abastecen a contorna de enerxía ao mesmo tempo que son respectuosos con ela. A Carixa fórmana dúas piscinas, unha delas para a cativada, con augas do Deza previamente microfiltradas para evitar impurezas. A auga das piscinas renóvase para garantir unha zona de baño limpa, eliminando sedimentos, pois é tratada con cloro.

O acceso para chegar até a área recreativa é doado por estrada, tanto en coche como a pé. Existe un camiño sinalado desde o mosteiro de Carboeiro, a tres quilómetros da Carixa. Perto da área recreativa localízase unha zona de autocaravanas cun máximo de trinta prazas. Nela permítese a noitada e estadía até un máximo de 48 horas. É unha área pública e de balde, contando nas súas instalacións con zonas de baleirado de augas grises e negras, recheo de auga potábel, aseos e acceso á rede wifi.

Seguindo o curso do Deza e a escasos metros da praia fluvial, atópase a ponte da Carixa, os restos dun antigo paso polo río. Conta cun só arco feito en granito, restaurado a finais dos anos 20 por Manuel Sueiro Ramos para substituír a antiga ponte medieval que fora destruída coas riadas.

Cada ano, durante o 14 de agosto, a área recreativa acolle a festa da Carixa, con diversas actividades e música para todos os públicos. Este ano tamén se celebrou un campionato de tute e unha carreira pedestre con tres categorías para as crianzas, ademais de xogos populares e obradoiros infantís.

Mosteiro de Carboeiro. Xoia de Silleda.

Trátase dun obra arquitectónica románica mais con influencias góticas e pegadas propias do estilo empregado polo Mestre Mateo na catedral de Santiago de Compostela. É un dos monumentos chave da arte medieval galega.

Edificouse arredor do ano 936 por orde dos condes do Deza, sendo a súa época de maior esplendor baixo a dirección do abade Froila nos séculos XII e XIII. Co tempo, foi caendo en declive, chegando ao abandono coas desamortizacións do século XIX. Na actualidade atópase en bo estado de conservación, en especial a igrexa, coas súas enormes columnas e capiteis.

Comentarios