MÁIS

'Istoria' propia de Ribadavia

A vila recupera as súas raíces medievais.
Durante a última fin de semana de agosto, Ribadavia recorda o seu pasado medieval. (Foto: Festa da Istoria)
photo_camera Durante a última fin de semana de agosto, Ribadavia recorda o seu pasado medieval. (Foto: Festa da Istoria)

Esta sexta feira Ribadavia (O Ribeiro) viaxará no tempo até a Idade Media coa trixésima quinta edición da súa Festa da Istoria, de Interese Turístico Nacional desde 1997. A vila do viño permanecerá na Época Medieval até este domingo, contemplando actividades para todos os públicos no seu programa. A Istoria pretende rescatar unha vella celebración na honra da comunidade xudía, que poboaba estas terras, e servir de precedente para as festas patronais da vila.

Para asistir, é recomendábel vestir para a ocasión e intercambiar diñeiro actual por marabedís, moeda predominante no medievo. O seu emprego é obrigatorio nos postos do mercado, habilitado na Alameda, zona histórica e fronte ao castelo, e recomendábel no resto de estabelecementos da vila. O Banco Alhóndiga estará aberto para facer todos os tipos de transaccións monetarias.

A Istoria conta con diversas recreacións excepcionais, como é o baile medieval e o xadrez vivente no castelo, as vodas xudías ou o xantar ambientado na época, baixo reserva previa e con roupa acorde a este século, na noite do sábado. A veciñanza de Ribadavia participa activamente en todas as actividades, sendo a carreira de pipotes polas costas da vila unha das preferidas. Na programación tampouco faltarán as actividades enfocadas nas crianzas e o tradicional desfile ás 11 horas do sábado polas rúas de Ribadavia, rematando co pregón. 

Na área recreativa da Veronza terán lugar a exhibición de cetraría e o Gran Torneo Medieval. Ao longo da fin de semana, Ribadavia tamén será escenario de diferentes actuacións nas que a música propia da Galiza vai por diante. 

XXXV Festa da Istoria Ribadavia (O Ribeiro) / 30-31 de agosto e 1 de setembro / @festadaistoria

Comentarios