O Festival Internacional de Curtas leva a Bueu 15 estreas internacionais

A decimo sétima edición do Festival Internacional de Curtas de Bueu aposta polas últimas e máis interesantes propostas cinematográficas que se están a desenvolver a nivel internacional no formato curto.
María Vázquez recibirá o Premio Cinema Galego que outorga o festival.
photo_camera María Vázquez recibirá o Premio Cinema Galego que outorga o festival.

A décimo sétima edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, o FICBUEU -que terá lugar entre a sextafeira, día 6, e o sábado 14 de setembro-, preparou un completo programa que inclúe a estrea no Estado de 15 curtametraxes realizadas por directoras e directores de Canadá, Italia, Suíza, Lituania, Estonia, Líbano, República Checa, Francia, Estados Unidos, Países Baixos, Reino Unidos e Finlandia.

A nova edición do certame bueuense foi presentada publicamente onte no centro de Bueu coa participación da concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García; o presidente de Deputación de Pontevedra, Luis López; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e máis as directoras e o director do FICBUEU: Nerea Lores, María Ruiz-Falcó e Manuel Pena. Tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela.

A concelleira Carmen García felicitou á dirección e o equipo do FICBUEU, un festival que, lembrou, "conta co respaldo da veciñanza, incluído o tecido asociativo da vila". Felicitou ademais ao certame pola súa decisión de excluír da súa sección competitiva os filmes apoiados con diñeiro público de Israel. Desde a Deputación, Luís López lembrou que o organismo provincial incrementou este ano o seu apoio aos festivais da provincia. E destacou a importancia e interese do FICBUEU. O director da AGADIC, Jacobo Sutil, referiuse á calidade da programación do Festival e tamén á súa implantación no territorio e o apoio social.

Estreas no Estado e na Galiza

O certame comeza o vindeira sexta feira, día 6, coa proxección na pantalla do Centro Social do Mar de Bueu de Millonetis, a curta realizada en colaboración coa Fundación Igualarte no marco dos obradoiros da Área Social da Asociación FICBUEU (20 horas) e coa elaboración no exterior da alfombra floral da man da Asociación Cunchas e Flores. Despois será a quenda do concerto do grupo indie sevillano Sr. Chinarro (21.30 horas). Todas estas actividades son gratuítas e só será necesario retirar as invitacións -no despacho de billetes ou na billeteira en liña - para asistir ás estreas dos curtos da Asociación FICBUEU. 

A escolma realizada polo FICBUEU 2024 supón unha oportunidade para coñecer as últimas e máis interesantes propostas cinematográficas que se están a desenvolver a nivel internacional no formato curto. Case a metade dos filmes a concurso no festival bueués (13 curtametraxes) son estreas no Estado e outros 11 proxectaranse por vez primeira na Galiza.

Xunto á categoría oficial a concurso, no FICBUEU 2024 existen outras seccións competitivas. Trátase de "Descubertas" e "GZ_00", que permitirán ver o que están a facer as novas xeracións de cineastas. Ademais, "Escolas de Cinema e Centros de Ensino" achegará ao público pezas creadas pola incipiente canteira cinematográfica. Entre as catro categorías, poderán verse unha vintena de curtas.

Canteira na illa de Ons

A Residencia FICBUEU é un claro exemplo do apego ao territorio por parte do festival. Na súa segunda edición, elixiu a catro realizadoras e realizadores de entre 25 e 28 anos para que poidan desenvolver os seus novos proxectos. Un equipo de expertas liderados pola directora e guionista Estibaliz Urresola (a súa ópera prima, 20.000 especies de abellas, proxectada durante a pasada edición do FICBUEU, fíxose con tres Goya) formaraos e asesoraraos durante unha semana (do 16 ao 23 de outubro) na Illa de Ons. Participan a arxentina Camila Mailén Bóveda, as catalás Ana Calderón e Anna Llargués e o lucense Miguel Casaseca. Unha das catro curtametraxes, ademais, recibirá apoio para a súa produción. O ano pasado o proxecto gañador foi Sismes, de Jordi Sanz. Recibiu un premio de 15.000 euros e foi producido pola produtora galega Nortecatro Cinema e a catalá Shoji Films.

Cinema e política

O FICBUEU dedica este ano as súas Xornadas Cinematográficas á relación do cinema coa política. As sesións analizarán o impacto no cinema das correntes políticas do momento.

O sábado 7, desenvolveranse estas III Xornadas Cinematográficas. Este espazo de reflexión contará coa masterclass do profesor de Filosofía Política Camil Ungureanu, unha conversación entre as críticas e programadoras Belit Lago e Daniela Urzola, unha mesa redonda en liña con membros do podcast La escóbula de la Brújula e un encontro co director Jaime Rosales (Petra, Girasoles silvestres).

Ademais, ese mesmo día proxectarase a película The Conversation, realizada en 1974 por Francis Ford Coppola e protagonizada por Gene Hackman e John Cazale.

O programa deste ano inclúe tamén un encontro a tres bandas: o director Rodrigo Cortés, o novelista Juan Gómez-Jurado e o guionista, humorista e comunicador Arturo González-Campos charlarán o domingo 8 (12 horas) co público sobre a pegada do cambio que supuxo a chegada do son ao cinema.

Premio a María Vázquez

A actriz galega María Vázquez (Vigo, 1979) recibirá o Premio Cinema Galego. O certame recoñece dende 2016 con este galardón as achegas de profesionais da industria audiovisual da Galiza durante a súa traxectoria. Vázquez recibirá o Premio Cinema Galego o 14 de setembro nun evento no que tamén manterá unha conversa aberta co público do FICBUEU. 

 

Retrospectiva de Jonas Mekas, pai do cinema independente americano

O Festival Internacional de Cinema de Bueu achegará este ano ao público a figura e a obra de Jonas Mekas (1922-2019), cineasta experimental, axitador cultural, e pai do cinema de vangarda estadounidense. O FICBUEU adicaralle a súa sección "Retrospectiva", que proxectará unha escolma de 8 curtas da súa autoría ademais da correspondencia fílmica que mantivo co realizador José Luis Guerín. O festival propón unha revisión crítica da obra do realizador ao que lle dedica, o seu Caderno #5.

Figura fundamental do cinema, Jonas Mekas lanzou campañas contra a censura en defensa das películas de temática LGBTQ de Jean Genet e Jack Smith, obtendo o apoio de figuras culturais como Jean-Paul Sartre, Simone de Beauvoir, Norman Mailer e Susan Sontag. Tamén foi mentor e apoiou moitos artistas e cineastas destacados, entre eles Ken Jacobs, Peter Bogdanovich, Chantal Akerman, Richard Foreman, John Waters, Barbara Rubin, Yoko Ono ou Martin Scorsese.

Nado en Lituania en 1922, Mekas comezou a explorar o cinema de vangarda ao chegar a Nova York xunto co seu irmán, o tamén director Adolfas. Desenvolve un papel substancial no movemento do Novo Cinema Americano entre as décadas de 1960 e 1970 e converteuse nun incansábel protector de cineastas independentes, cofundando a Film-Makers’ Cooperative, e dirixindo a súa mirada cara á emancipación das normas convencionais cinematográficas. Os seus esforzos culminaron na fundación da Anthology Film Arquives en 1970, museo, biblioteca e lugar de proxección dedicado á promoción do cinema independente.

Comentarios