MÁIS

O corazón verde da Galiza

O incalculábel valor das Fragas do Eume.
As Fragas do Eume, na comarca homónima, ao norte da Galiza. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera As Fragas do Eume, na comarca homónima, ao norte da Galiza. (Foto: Turismo da Galiza)

Entre os concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes, os cinco que conforman a comarca do Eume, esténdese un dos últimos bosques atlánticos de ribeira de Europa e un dos mellor conservados, con perto de 9.000 hectáreas de extensión. Falamos das Fragas do Eume, un dos espazos naturais de maior renome de todo o país. Este parque protexido, obxecto de estudo habitual das comunidades científicas, conta cunhas condicións moi concretas para o desenvolvemento dunha biodiversidade moi rica. A humidade constante, a pureza do aire e as escasas horas de luz que penetran o espeso bosque propician a presenza de musgos, fentos e liques. Tamén é destacábel no relativo á flora a súa poboación de árbores autóctonas como o carballo, o bidueiro, o castiñeiro ou o ameneiro. Porén, a súa fauna non queda atrás, pois este lugar habítano milleiros de especies de aves como o falcón peregrino ou o moucho de orellas e, pasando á auga, o salmón ou a lamprea, que desovan nos seus ríos e regatos. Con todo, se por algo son coñecidas as Fragas é pola súa riqueza micolóxica, cunha gran variedade de cogomelos, algúns deles raros ou endémicos e que atopan na zona baixa da conca do Eume un espazo único para a súa reprodución. As persoas dentro ocupan deste ecosistema un espazo ínfimo, con menos de 500 residindo actualmente ao seu redor. A única forma de entrar en contacto con esta valiosa paisaxe é a través das excursións, xa sexa por libre ou guiadas.

A gran variedade de cogomelos é un dos principais trazos característicos deste espazo

O mellor momento para achegarse as Fragas do Eume comeza agora, de cara ao outono, xa que a natureza caducifolia das súas árbores fan o lugar especialmente vistoso. Respecto ao camiño a seguir, o parque ofrece catro zonas de entrada —por Cabanas, Monfero, Pontedeume e A Capela— e oito rutas de sendeirismo, que van dos 2 aos 8,5 quilómetros, camiños que ademais de levar a lugares emblemáticos como o mosteiro de Caaveiro ou a ponte colgante de Cal Grande permiten observar en todo o seu esplendor a contorna verde e virxe do bosque.

Caaveiro e Monfero. Mosteiros no verdor. Unha visita patrimonial.

Dous mosteiros eríxense neste ecosistema tan particular e se poden visitar de balde. O primeiro deles é o mosteiro de Caaveiro en A Capela (Eume), destacado pola súa igrexa románica e situada nun montículo rochoso entre os ríos Eume e Sesín. Foi edificado no século IX e conta con recoñecementos de conxunto histórico-artístico (1971 e monumento de interese provincial (1975). Créditos que tamén recibiu o mosteiro de Monfero, unha xoia barroca fundada en 1134 por Afonso XII e reconvertida á orde cisterciense en 1147 e que vale a pena ollar.

Comentarios