MÁIS

Romper o molde en Pantón

Música alternativa e viño no Trece Roeis Fest.
Fillas de Casandra e Rebeliom do Inframundo no videoclip de 'Contra ventro e marea'. (Foto: Gloria Montenegro)
photo_camera Fillas de Casandra e Rebeliom do Inframundo no videoclip de 'Contra ventro e marea'. (Foto: Gloria Montenegro)

No corazón da Ribeira Sacra, no castro de Santa María de Ferreira, en Pantón (Terra de Lemos) decorrerá unha das citas musicais máis esperadas do ano na zona. Trátase do Trece Roeis Fest, un evento sen ánimo de lucro que medra con forza ano tras ano e que este 2024 conmemora o seu 5º aniversario. O evento terá lugar esta sexta feira e sábado cunha programación moi variada e que inclúe unha cata de viño da Ribeira Sacra ás 12 horas desta sexta feira. Ademais, nos escenarios de Ferreira estarán artistas de distintos xéneros da música alternativa, principal atractivo do evento, que van do rap ao punk ou reggae. 
O cartel desta edición promete ofrecer unha experiencia única con actuacións do máis potentes, especialmente na noite desta sexta feira. Unha das primeiras citas a ter en conta será ás 21.10 horas, coas Fillas de Cassandra para temperar os ánimos. Logo, devagar, iranse abrindo oco propostas como a do grupo vasco Soziedad Alkoholika (22.50) e o rock galego de Arrhythmia (00.40 horas) para rematar por todo o alto co rap de Rebeliom do Inframundo (2.00 horas). 

Este último grupo, ademais, pode supor a segunda aparición das Fillas en Ferreira, xa que comparte con elas o tema "Contra vento e marea". Non é a primeira vez que Rebeliom e as Fillas se xuntan no escenario ao coincidir no mesmo cartel. Porén, se o máis emocionante acontece á noite, as asistentes son benvidas no castro para gozar non só da música —co seu apartado infantil incluído co Punkinfantil (16.35 horas)— senón tamén do viño, do lugar e da beleza natural da Ribeira Sacra. Todo isto combínase no Trece Roeis para achegar patrimonio e música a partes iguais. 

Comentarios