'As Neves', de Sonia Méndez, participará no 72º Festival de Donostia

O filme, protagonizado por adolescentes e rodado na Fonsagrada, proxectarase nesta mostra do mellor do panorama cinematográfico estatal deste ano.
Antía Mariño Tomé e Andrea Fernández Varela en 'As Neves'.
photo_camera Antía Mariño Tomé e Andrea Fernández Varela en 'As Neves'.

A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida pola galega Sonia Méndez, atópase entre os filmes incluídos na sección 'Made In Spain' do Festival Internacional de Cine de Donostia / San Sebastián. A sección ofrece  unha escolma das mellores películas do panorama cinematográfico estatal do ano, ás que o Festival ofrece unha plataforma para a súa difusión internacional.

O filme é un thriller adolescente ambientado nunha vila da Galiza que se achega cunha mirada íntima á xeración nova que vive no contraste da hiperconexión e o illamento.

Segundo a directora, co filme quería facer unha reflexión sobre as consecuencias do uso das redes sociais, mais tamén facer un retrato honesto "da mocidade que, por un lado, vive en entornos pouco comunicativos, rodeados de natureza e de silencio; e polo outro, hiperconectados, cun móbil na man que lles permite acceder a unha inxente capacidade de información procedente de todo o mundo".

A maior parte do cásting está formado por actores non profesionais. David Rodríguez é o único que tiña experiencia previa, xa que traballara na película Live is life, de Dani de la Torre. A el súmanse novos talentos galegos que debutan na película como Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez, coa colaboración especial de Lucía Veiga (Rapa) e Mela Casal.

A banda sonora de As Neves está composta por Andy Bell, o que fora baixista da xa case mítica banda do britpop dos noventa, Oasis ou, posteriormente, Hurricane e Beady Eye.

Logo de ter a súa première na Sección Oficial da pasada edición do Festival de Málaga, As Neves estreouse en salas en maio con gran acollida de público, manténdose ate sete semanas nos cinemas. Agora prepara o seu percorrido en novos festivais e a súa próxima chegada ás plataformas.

Máis en CULTURA
Comentarios