O PSdeG acusa o PP na Galiza de "alimentar o odio con leas"

Julio Torrado, instou  o PPdeG para que "aproveite" o inicio de curso político "para falar dos asuntos que lles importan aos galegos e ás galegas". O PSOE recea dos contratos da Xunta con Eulen.
O deputado do PSdeG, Julio Torrado (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do PSdeG Julio Torrado. (Foto: Nós Diario).

O portavoz da Executiva do PSdeG, Julio Torrado, instou  o PPdeG para que "aproveite" o inicio de curso político para falar dos asuntos que lles importan aos galegos e ás galegas e "non" dos que "só lle interesan a Feixoo". O socialista lamentou esta sexta feira a través dunha nota de prensa que "todo apunta" a que os populares galego acollen esta fin de semana ao presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, para "tratar as leas" que ten o partido co Goberno español.

Neste sentido, Torrado mostrou a súa preocupación pola idea de que o PP se dedique a "alimentar o odio" nunha estratexia que os "homologa coa extrema dereita" que é onde "parece que queren estar". Por este motivo, o socialista propúxolles que, xa que están na Galiza, expliquen, entre outras cuestións, os motivos do sobrecusto de 470 millóns de euros do Hospital Álvaro Cunqueiro "para que se beneficiasen os especuladores e perdese a cidadanía".

Tamén fixo referencia á prórroga da concesión da AP-9 que "aprobou o Goberno de Aznar" e un asunto no que Feixoo "xa estaba polo medio". Sobre este caso, o socialista demandou que demandou que o PP debería "pedir perdón" na súa reunión deste sábado en Cerdedo-Cotobade (comarcas de Terra de Montes e Pontevedra).

Os contratos

O PSOE volveu cuestionar diferentes contratos públicos asinados pola Xunta da Galiza con Eulen, empresa na que traballa a irmá do actual presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, á vez que mantén as súas dúbidas á contratación tamén coa Comunidade de Madrid e Andalucía e reta aos 'populares' a apoiar unha comisión de investigación no Parlamento galego.

Nun comunicado difundido esta sexta feira, o PSOE sinala que "cada día que alguén indaga un pouco máis nestes contratos, as sospeitas crecen exponencialmente ao redor de Alberto Núñez Feixoo", acusando de "outorgar" estes contratos a Eulen "de forma directa" por ser contratos menores que non chegan a 15.000 euros.

Por este motivo, os socialistas emprazaron a Feixoo para que ordene de apoiar na Galiza, onde o PP ten maioría absoluta, a comisión de investigación que expuxo o PSdeG no Parlamento para dilucidar estes asuntos. "Actuaremos en todas as vías que consideremos necesarias", asegura a formación socialista.

Comentarios