O PSdeG acusa a Xunta e Sogama de "mentir": "A subida do canon do lixo é para manter os beneficios millonarios"

A formación socialista pregunta ao Executivo galego "que vai facer" co diñeiro percibido e se o destinará a "compensar os sobrecustos"

Planta de reciclaxe de Sogama. (Foto: Sogama).
photo_camera Planta de reciclaxe de Sogama. (Foto: Sogama)

A deputada do PSdeG no Parlamento galego Paloma Castro afirmou que tanto a Xunta da Galiza como Sogama "menten" no motivo da subida do canon do lixo e a "única xustificación" é que a empresa pública "manteña os beneficios millonarios".

Estas declaracións chegan despois de que o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, apuntase como "único culpábel" da subida ao Goberno estatal polas súas "decisións unilaterais".

Así, en declaracións á Radio Galega Domínguez mostrouse "bastante sorprendido" por escoitar varias "declaracións abruptas" de Alcaldías do PSdeG e do BNG.

"Foron eles quen aprobaron a lei de residuos e chans contaminados, que estabelece os novos impostos estatais á vertedura de incineración que nos afectan en 39 euros o custo de incremento do canon de Sogama", detallou.

Agora, a socialista detallou que ese imposto "grava a incineración e a vertedura" e responde ao cumprimento dunha directiva europea, que grava unha forma de xestión "altamente contaminante que é a que se realiza na Galiza".

Ademais, engadiu a deputada do PSdeG, o imposto "é recadado pola Xunta". Por tanto, preguntouse "que vai facer" o Executivo galego co diñeiro que obteña desa recadación e se irá dirixido a "compensar eses sobrecustos" na xestión do lixo.

"O que lle preguntamos e insistimos a Alfonso Rueda é que empecen a asumir que teñen que avanzar cara a unha xestión de residuos máis sostíbel, no canto de facer recaer nos concellos e, por tanto, na veciñanza as consecuencias negativas da súa actual xestión", esgrimiu.

Comentarios