O prezo da luz caerá este domingo despois de cinco días en máximos: Estas son as franxas horarias máis baratas

A pasada quinta feira o prezo medio da electricidade no mercado almacenista marcou un máximo anual.

Segue a evolución do prezo da electricidade en 'Nós Diario'. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Segue a evolución do prezo da electricidade en 'Nós Diario'. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista caerá este domingo un 14,5% con respecto ao sábado, até situarse nos 99,64 euros por megawatt hora (MWh), despois de transitar cinco días por enriba desa cota e marcar a pasada quinta feira un máximo anual nos 120 euros.

En concreto, ao longo do día que dará inicio ao mes de setembro a maior parte das horas situaranse por enriba da barreira dos 100 euros/MWh, con excepción do intervalo entre as 10 e as 20 horas, onde se rexistrarán prezos na contorna dos 50 euros/MWh, segundo os datos do Operador do Mercado Ibérico da Electricidade (OMIE).

O prezo máis alto para a xornada darase nas últimas horas do día, especialmente entre as 21 e as 22 horas, no que o MWh ascenderá aos 141 euros. Mentres, a máis barata darase entre as 16 e 17 horas, con 29 euros/MWh. Así mesmo, cabe destacar que o prezo medio de luz botou o peche ao mes de agosto nos 91 euros.

Mercado regulado

Esta subida no 'pool' afectará a clientela do mercado regulado ou PVPC, que é a afectada por estas oscilacións de prezos diarios no mercado.

Cabe lembrar que o 'pool' non representa exactamente o importe final no prezo da luz para un consumidor acollido á tarifa regulada, xa que coa entrada de 2024 adoptouse un novo método de cálculo do PVPC, que incorpora unha cesta de prezos a medio e longo prazo para evitar as fortes oscilacións, sen perder as referencias de prezos a curto prazo que “fomentan o aforro e o consumo eficiente”.

Desta maneira, a proporción de vinculación co prezo do 'pool' irase reducindo progresivamente, para incorporar as referencias dos mercados de futuros, de modo que estes representen o 25% en 2024, o 40% en 2025 e o 55% a partir de 2026.

Comentarios