O Estado eximiu as empresas de tributar 140.014 millóns de euros por Sociedades

Os tributos procedentes das rendas do traballo representan unha porcentaxe cada ano maior na recadación fiscal. Neste sentido, destaca o incremento do peso do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, que representou en 2022 até 48,8%. As bonificacións fiscais ás grandes empresas explican a situación.
Oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera Oficina da Axencia Tributaria. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O Goberno español perdoou ás compañías con domicilio fiscal no Estado 140.014 millóns de euros no exercicio contábel de 2022, mediante diversas bonificacións no Imposto sobre Sociedades. Malia que as empresas suxeitas a este tributo declararon nesa anualidade beneficios por un importe de 271.406 millóns de euros, só se viron obrigadas a tributar polo 54,4% destes, que sumaron 147.653 millóns.

As bonificacións fiscais aplicadas polo Executivo estatal en 2022, último ano con datos, non representaron ningunha novidade. A este respecto, as empresas suxeitas a tributar polo Imposto sobre Sociedades recoñeceron uns beneficios totais para o período de 2018 a 2022 de 1,28 billóns de euros. Porén, só deberon tributar polo 31,8% do total destes, que significaron 581.296 millóns. Así, o Goberno español perdoou neses cinco anos ás compañías radicadas no Estado 729.871 millóns de euros. A contía total dos beneficios fiscais outorgados polo Goberno español ás empresas en 2022 equivale a 10,4% do produto interior bruto (PIB) do Estado nesa anualidade, que alcanzou 1.346.377 millóns de euros. Ao tempo, as bonificacións aplicadas polo Imposto sobre Sociedades entre 2018 e 2022 representaron 9,2% do total da débeda pública española, cuxo volume situouse ao feche do exercicio contábel de 2022 en 1.502.799 millóns de euros.

As compañías máis favorecidas polas bonificacións ao Imposto sobre Sociedades son aqueles que teñen a consideración legal a efectos fiscais de grupos consolidados e cuxa tributación se realiza conforme ao modelo 220 da Axencia Estatal da Administración Tributaria. Neste grupo inclúense as máis importantes corporacións empresariais do Estado, entre elas as compañías enerxéticas que cotizan no IBEX-35 ou a práctica totalidade das compañías de carácter multinacional.

Os grupos consolidados presentaron uns beneficios de 148.077 millóns de euros en 2022, que representaron 54,5% do total dos recoñecidos polas compañías obrigadas a declarar polo Imposto sobre Sociedades. Porén, estas sociedades só deberon tributar á facenda pública por 53.441 millóns de euros, eximíndoos o Goberno español coas súas bonificacións de declarar por 94.636 millóns de beneficios. Ao tempo, os beneficios fiscais aos grupos consolidados alcanzaron no período entre 2018 e 2022 710.385 millóns de euros.

O Imposto sobre Sociedades é un tributo proporcional e directo que grava a renda das sociedades e demais entidades xurídicas cuxa sede fiscal está emprazada no Estado. O seu tipo impositivo xeral está fixado en 25% para pequenas e grandes empresas; porén, este varía entre 30% e 1% en función do tipo de mercantil que se trate. Neste sentido, os datos achegados pola facenda española indican que a carga fiscal é maior para as pequenas e medianas empresas (Pemes) que para as grandes corporacións.

O tipo efectivo real do Imposto sobre Sociedades está moi por baixo do fixado na normativa. Segundo se recolle no Informe de recadación impositiva da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) de 2023, o tipo efectivo real sobre o Resultado Contábel Positivo do Imposto sobre Sociedades de 2022, último ano con cifras, situouse de media para o total das compañías en 11,9%, dous puntos por encima de 2021 e o máis elevado de toda a década.

A presión impositiva é máis reducida no caso das grandes corporacións empresariais, que tributan conforme ao modelo 220 e teñen a consideración de grupos consolidados. Así, o tipo efectivo real sobre o Resultado Contábel Positivo do Imposto sobre Sociedades de 2022 fica de media en 7,3%, se ben unha parte destas mercantís tributan a un tipo de 1%. Neste caso, rexistrou tamén unha alza en relación ao exercicio de 2021, cando marcou 6,2%.

A tributación das empresas contrasta coa dos particulares. Neste último caso, o imposto que grava a renda obtida nun ano natural polas persoas físicas residentes no Estado español denomínase Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). O IRPF, regulado pola Lei 35/2006, de 28 de novembro, é un tributo persoal, progresivo e directo, considerado pola práctica totalidade dos fiscalistas como o piar máis significativo do sistema fiscal estatal.

O tipo efectivo do IRPF é máis elevado que o do Imposto sobre Sociedades. Neste sentido, o Informe de recadación impositiva da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) de 2023 sinala que en 2022 chegou a 14,1%, nove décimas máis que na anualidade anterior, 2,2 puntos por riba do tipo efectivo do Imposto de Sociedades para as empresas e 6,8 puntos por encima do tipo efectivo do Imposto de Sociedades para as grandes corporacións. As bonificacións fiscais ás rendas do capital fan parte central da axenda política. A este respecto, o G-20 leva recomendado desde 2013 un incremento nos tipos do Imposto sobre Sociedades co obxectivo de achegar o seu peso no cesto tributaria.

Nesta liña, en outubro de 2021, 136 Estados, entre eles o español, asinaron a denominada Declaración de Rio, que fixaba un imposto mínimo efectivo de 15% para as grandes corporacións. As cifras achegadas polo Informe de recadación impositiva da a AEAT de 2023 apuntan a que ese obxectivo continúa lonxe.

A achega do Imposto sobre Sociedades ao cesto fiscal caeu 55,4% desde 2007

Os beneficios fiscais aplicados ás empresas suxeitas ao Imposto sobre Sociedades explican que cada día sexa menos relevante no conxunto dos tributos. Se á volta de 2007 achegaba 44.823 millóns de euros e significaba 25,8% da recadación total da facenda estatal, en 2022 achegaba 35.060 millóns de euros e supuña 14,3% da recadación total.

O Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) rexistra un comportamento diverxente ao Imposto sobre Sociedades. Mentres este último non deixa de perder peso no cesto fiscal, o primeiro aumenta a súa importancia, pasando de significar en 2007 até 41,9% de toda a recadación tributaria con 72.614 millóns de euros a marcar en 2022 até 48,8%, isto é 109.485 millóns. A caída da contribución do Imposto sobre Sociedades á AEAT comeza a acentuarse a partir de 2015.

Neste sentido, cobra unha capital importancia a Lei 27/2014, do 27 de novembro do Imposto sobre Sociedades, aprobada polo Goberno español de Mariano Raxoi (PP) e vixente desde 2015, que estabelece toda unha serie de novas bonificacións para as grandes mercantís. A economista Erika González, autora de A onde vai o capitalismo español, indica que “un piar central do incremento dos beneficios das empresas após 2014 son as grandes bonificacións fiscais do Imposto de Sociedades, coherente coa política de loita de clases desde arriba imposta por Raxoi”. González conclúe que a nova configuración deste tributo amosa que “os grandes grupos empresariais son os principais beneficiados das políticas fiscais do Estado”.

Comentarios