Os prezos dos alimentos creceron o dobre que os salarios nos últimos catro anos

A perda de poder adquisitivo acelerouse nos tres últimos anos. A alza de prezos comezada en 2021 como consecuencia do incremento na electricidade estendeuse ao conxunto da economía e os prezos dos alimentos medraron neste período até 16,2 puntos porcentuais por riba dos salarios.

EuropaPress_5376947_varias_personas_compran_alimentos_mercado_11_agosto_2023_lugo_galicia
photo_camera Dúas mulleres comprando nunha peixaría na cidade de Lugo. (Foto:Europa Press)

O prezo dos alimentos incrementouse 30,9% entre xullo de 2020 e o mesmo mes deste ano, o último para o que ofrece datos o Instituto Nacional de Estatística (INE). A este respecto, o organismo público destaca que a alza dos produtos alimentarios ficou por riba da inflación xeral, que marcou nese período un crecemento  na Galiza de 21,4%.

O aceite e as graxas lideraron a suba dos prezos do cesto da compra, cunha alza de 128,6% neste período. A continuación situouse o azucre, cunha suba de 89,6%, seguido dos ovos (+50,9%) e das bebidas non alcólicas (+38,1%). E moi perto deste valor ficou outro produto básico como é o leite, tras rexistrar un incremento de 37,3% en tres anos.

O custo no mercado de cereais e derivados superou tamén a inflación media dos alimentos, ao medrar 35,5%. Na mesma liña situáronse os preparados de legumes e hortalizas, os legumes e hortalizas frescas e as patacas, todos eles cun incremento de prezos superior a 30%. Produtos alimentarios como a froita marcaron unha alza de 30%, alcanzado a carne de porco o 29,4%.

As políticas públicas

A escalada dos prezos dos produtos básicos deixa en evidencia a eficacia das medidas aprobadas polo Executivo español para reducilos. Neste sentido, o Goberno do Estado eliminou en 2023 o Imposto do Valor Engadido (IVE) dos considerados como elementos básicos, entre os que se atopan os ovos, o leite, o pan, as froitas ou a fariña. Esta medida, prorrogada polo Consello de Ministros o pasado 24 de xuño, inclúe igualmente a rebaixa do IVE de 10% a 5% para outros produtos alimentarios como as pastas ou os aceites de sementes. O aceite de oliva, pola súa parte, queda directamente exento de IVE como resultado dun acordo político entre Junts per Catalunya e o PSOE.

A suba dos beneficios empresariais

O aumento dos beneficios empresariais foi o principal factor no encarecemento dos alimentos nos últimos anos. A este respecto, o propio Fondo Monetario Internacional (FMI) concluía nun informe presentado en 2023 que a causa da suba dos prezos na Unión Europea correspondía nun 40% á repunta dos custos enerxéticos e nun 45% a un incremento dos beneficios empresariais.

O profesor de Historia Económica na Universidade de Santiago de Compostela Adrián Dios sinala que "as políticas para evitar a inflación non son neutrais nin afectan por igual todos os estratos sociais". A quen beneficiou a escalada inflacionista "foi ás empresas, que aumentaron os seus lucros", precisa. Neste punto, Dios aposta por "unha redistribución dos beneficios extraordinarios obtidos polas empresas nos últimos dous anos a través da inflación", polo que "sería positiva unha reforma fiscal".

En contraposición, os prezos dos alimentos medraron por enriba dos salarios nestes anos. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Traballo, incrementáronse en 14,7% entre xullo de 2020 e o mesmo mes de 2024. Nesta dirección, a súa alza foi de 2,3% en 2021, de 4,7% en 2022, de 3,5% en 2023 e de 3,3% nos primeiros sete meses 2024, cando se asinaron un total de 208 convenios que afectan  62.768 empresas e 344.911 traballadores e traballadoras. Aínda así, os salarios medraron na Galiza por riba da media do Estado, ficando no que vai de 2024 só por detrás de Euskadi e Nafarroa.

Poder de compra

Os salarios medraron 6,7 puntos porcentuais por baixo da inflación xeral e 16,2 puntos porcentuais menos que os prezos dos alimentos. A este respecto, o Instituto Galego de Estatística (IGE) sinala no seu recente informe de salarios que os custos laborais para as empresas na Galiza descenderon 7% entre 2022 e 2023. Neste sentido, a perda de poder adquisitivo nun  marco de suba dos beneficios empresariais deixa claro o sentido da xestión da crise polos poderes públicos.

Comentarios