Os prezos baixan 0,6% en agosto con respecto ao mesmo mes de 2023

A inflación subxacente modérase unha décima, até o 2,7%, o seu valor máis baixo desde xaneiro de 2022

A poboación galega gasta hoxe en día 6,4% máis no cesto da compra do que gastaba a comezos do ano 2022. (Foto: Andrey Bandurenko)
photo_camera Co descenso do IPC interanual no oitavo mes do ano, a inflación estatal encadea tres meses consecutivos de descensos. (Foto: Andrey Bandurenko)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) mantívose en agosto a nivel estatal en relación ao mes anterior pero recortou seis décimas a súa taxa interanual, até o 2,2%, a súa cifra máis baixa desde xuño de 2023, cando se situou no 1,9%, segundo os datos avanzados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O organismo explicou que a moderación do IPC até o 2,2% débese ao abaratamento dos carburantes, que subiron en agosto de 2023 e, en menor medida, ao menor custo dos alimentos, que este mes baixaron os seus prezos máis do que o fixeron hai un ano.

Co descenso do IPC interanual no oitavo mes do ano, a inflación estatal encadea tres meses consecutivos de descensos despois das subidas experimentadas en marzo, abril e maio, que levaron ao IPC para escalar até o 3,6%.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en agosto se moderou unha décima, até o 2,7%, o seu valor máis baixo desde xaneiro de 2022 e cinco décimas por encima da taxa xeral.

En termos mensuais (agosto sobre xullo), o IPC non experimentou variación respecto ao mes anterior, en contraste co retroceso do 0,5% rexistrado en xullo e a subida mensual do 0,5% de agosto de 2023.

O INE publicará os datos definitivos do IPC de agosto o próximo 12 de setembro, que si incluirán o dato desagregado para a Galiza, que en xullo experimentou a maior inflación do Estado por quinto mes consecutivo.

"Estes bos datos reflicten que son eficaces as medidas de política económica do Goberno, porque permiten compatibilizar unha das maiores taxas de crecemento da zona euro con esta progresiva moderación dos prezos e a recuperación do poder adquisitivo dos fogares", destacou o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo.

Comentarios