Unha esmorga no Auriense

Lecer e música na zona dos viños ourensá.
Unha das actividades musicais no Auriense. (Foto: Café Cultural Auriense)
photo_camera Unha das actividades musicais no Auriense. (Foto: Café Cultural Auriense)

O café cultural Auriense habita a praza do Correxedor da cidade poboada por ouro e termas, Ourense, para espallar a cultura e música da Galiza por todos os seus recunchos. David Paz e Montse López, como xerentes, son os encargados de levar a parte comercial do local e manter a actividade cultural. O café posúe unha concesión coa que leva desde os inicios de século mantendo unha programación paralela á da Agrupación Cultural Auriense. Malia todo, os valores son os mesmos que xa se promovían en tempos de Nemésio Barxa, primeiro presidente da asociación: pór a óptica galega en valor para o gozo da veciñanza.

O Auriense aposta por actividades de todo tipo: palestras, exposicións artísticas, fotografía ou recitais poéticos. Ofertan música en vivo chegada desde calquera parte do mundo e cunha ampla variedade de estilos. Deu abeiro a máis de 2.000 concertos e 600 eventos para diversos gustos desde a súa creación. "Dispoñemos dun espazo aberto para acoller calquera proposta, xa sexan acabadas de nacer ou experimentadas, para amosar a todos os públicos. Iso si, a nosa prioridade sempre será a posta en valor da nosa lingua e cultura propias", declara David Paz a Nós Diario. Todas as persoas interesadas no lecer da Galiza poderán desfrutar dela xa sexa dentro do café ou na súa terraza con vistas privilexiadas á catedral da cidade.

Durante os días de verán empezaron a xornada laboral ás 19 horas, mais o seu horario habitual é de 18 ás 2.30 horas, excepto durante a fin de semana, que abren até as 3 horas. Unha das actividades innovadoras do café Auriense son as súas jam session durante os segundos sábados e domingos de cada mes. Trátase dun encontro informal de improvisación musical no que calquera persoa asistente poderá ocupar o escenario. Ademais, contan cun grande equipamento de son e iluminación, como un set de batería, altofalantes e focos, para desfrutar da música.

 Café Cultural Auriense
Praza do Correxedor, 11 Ourense (comarca homónima)
@auriensecafecultural
988222536

Comentarios