O PSdeG denuncia a deterioración da sanidade tras un verán con incidencias "en toda a Galiza"

O portavoz de Sanidade na Executiva dos socialistas galegos, José Miñóns,  critica a xestión do Partido Popular en materia sanitaria, cualificándoa de "errada" e "carente de políticas efectivas”.

O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñóns. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñóns. (Foto: Nós Diario)

O portavoz de Sanidade da Executiva do PSdeG, José Miñóns, expresou a súa "profunda preocupación" polo "agravamento" da situación sanitaria na Galiza e denunciou que a situación nos centros sanitarios "segue empeorando".

Miñóns sinalou que, ao longo deste verán, a sanidade "sufriu unha notábel degradación, con menos médicos, camas fechadas e centros de saúde clausurados", o que levou a unha "situación de colapso" nas urxencias e a un "aumento nas incidencias e crises sanitarias".

"É evidente que o sistema sanitario galego está desbordado e esta non é unha situación recente, senón que leva anos deteriorándose", afirmou.

Así, cualificou a xestión do PP en materia sanitaria como "errónea" e sen "carece de políticas efectivas". "A falta de blindaxe do sistema sanitario e os recortes continuos deixaron a Galiza nunha situación critica", esgrimiu.

Miñóns lembrou que antes do inicio do verán, o PSdeG presentou un plan de renovación sanitaria que "foi ignorado" polo Executivo galego.

En referencia á "falta de médicos", destacou a "necesidade urxente" de "incrementar os salarios" dos profesionais para que a Galiza "deixe de ser" unha das comunidades que "peor paga", e así poder "atraer e reter" máis médicos en formación.

Por todo iso, os socialistas esixiron ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que "non demore máis" a implementación de medidas urxentes, incluíndo un aumento nos salarios e un plan de choque para reducir a burocracia nos centros de saúde.

Comentarios