A danza contemporánea volve encher as rúas de Compostela co festival herDanza

Organizado por Can Cun Quinqué, o festival conta co apoio do Concello de Santiago e de entidades como o Museo do Pobo Galego, o CGAC ou o Instituto Francés.
Leodan Rodríguez, Manuel Vilar, Míriam Louzao, Santiago Olmo e Isabel Sánchez na presentación desta segunda feira, 2 de setembro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Leodan Rodríguez, Manuel Vilar, Míriam Louzao, Santiago Olmo e Isabel Sánchez na presentación desta segunda feira, 2 de setembro. (Foto: Nós Diario)

Do 2 ao 7 de setembro, o Festival herDanza de danza contemporánea de Compostela programa un amplo abano de actividades para gozar das artes do movemento en escenarios singulares da capital galega. Organizado por Can Cun Quinqué, o festival foi presentado esta segunda feira, 2 de setembro, pola concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, nunha rolda de prensa que tamén contou coas intervencións do director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar; do director do CGAC, Santiago Olmo, e do equipo directivo do festival, Isabel Sánchez e Leodan Rodríguez. O festival herDanza comeza a súa oitava edición cunha residencia creativa da compañía de danza Aselas arredor da súa peza Víscera, que se desenvolverá a partir do 2 de setembro no Centro Xove da Almáciga e o Auditorio da Galiza. Creada polas bailarinas Loaira Lázare e Lucía González, Víscera explora a creación conceptual arredor da temática ecofeminista.

O resultado da residencia presentarase ao público na última xornada do festival, na tarde deste sábado na praza de San Martiño Pinario.

O programa conta con outros cinco espectáculos. O primeiro será L'oiseau Bleu, unha creación da bailarina cubana Lisvet Barcia que se presentará o esta quinta feira, ás 17.30 horas, no Museo do Pobo Galego. Esa mesma tarde, a igrexa das Ánimas acubillará Al atravesar la rendija, de Paula Morejón e Adrián López, unha peza de curta duración que crea paisaxes suxestivas para facer o público parte do acto de comunicación desde o corporal.

O día 6 presentarase o espectáculo que une o Colectivo Globo co Conservatorio Profesional de Danza de Lugo na peza Rito, que se poderá ver ás 17.30 horas na Casa das Máquinas. Esther Latorre asina a coreografía desta obra que reflexiona sobre a natureza humana e sobre a resposta colectiva ante a adversidade.

Ás 20 horas chegará a quenda de Ai Cariño!, o dúo galego conformado por Cris Vilariño e Diego M. Buceta. Presentarán na praza de Mazarelos WTF! unha explosión de danza de ritmo frenético protagonizada por dúas criaturas doutra galaxia que chegan á Terra nunha fuxida cara adiante sen pausa.

Canda a representación de Víscera, a axenda do sábado inclúe tamén o pase de La mona de seda, de María de Vicente. A praza da Inmaculada acollerá, ás 20 horas, esta peza que conta con música de Cristian Durán (Duuma) e que nos sitúa ante unha personaxe que busca a súa esencia fronte ao sobreestímulo de informacións e ás imposición sociais, culturais e políticas que lle ditan o que se espera dela. 

Obradoiros, proxeccións e outras actividades

A mostra destas creacións arróupase con actividades complementarias que permiten afondar nesta achega ás artes do movemento. Tres obradoiros explorarán a expresión corporal, a improvisación e práctica de diferentes técnicas da danza contemporánea. O primeiro deles, titulado Ritmos da Alma: Afrocontemporáneo e Expresión Corporal, terá lugar o día 4 de setembro entre as 10.30 e as 13.30 horas e será conducido por Lisvet Barcia. O día 5 á mesma hora desenvolveranse o taller Contact Improvisation da man do director do festival, Leodán Rodríguez, e o día 6, tamén no mesmo horario, Cris Vilariño e Diego M. Buceta conducirán o WTF! | Obradoiro HerDanza.

Grazas á colaboración co CGAC e o Instituto Francés, o programa da oitava edición do herDanza inclúe a proxección de dous filmes documentais arredor de distintas formas de baile que colleitaron candidaturas aos premios César do cinema francés en 2022 e 2023 e a outros festivais de sona internacional. O día 3 ás 17.30 horas, o auditorio do CGAC proxectará o filme Indes Galantes, de Philippe Béziat e o 4 chegará a quenda de Allons enfants, dirixido por Thierry Demaizière e Alban Teurlai. 

Entre as actividades paralelas inclúese aínda o itinerario Aire do outro mundo, que acontecerá o día 3 de setembro as 20.30 horas. A bailarina e docente Elsa Pereira conduce esta deriva senso-sonora polo Museo do Pobo Galego que busca conectar ás participantes co íntimo e poético que abeira o edificio de San Domingos de Bovanal. O punto de encontro será ás 20.15 horas na porta do Museo e a asistencia é de balde sen necesidade de reserva.
 

Comentarios