Como mínimo 12 persoas migrantes faleceron no canal da Mancha perto da costa francesa

Repórtase a morte de tres crianzas que viaxaban no barco naufragado.
Garda Costeira de Libia cunha embarcación inchábel ateigada de migrantes no mar Mediterráneo. (Foto: Sea-Watch International)
photo_camera Garda Costeira de Libia cunha embarcación inchábel ateigada de migrantes no mar Mediterráneo. (Foto: Sea-Watch International)

O naufraxio a terza feira na costa norte francesa dun barco con persoas migrantes que trataban de chegar ao Reino Unido deixou como mínimo 12 persoas falecidas e dúas desaparecidas, amais de varias feridas, informou o ministro de Interior francés en funcións, Gérald Darmanin, que incidiu en que “todos os servizos estatais están mobilizados para atopar os desaparecidos e atender as vítimas”.

En paralelo, unha fonte achegada á investigación trasladou á axencia AFP que a cifra confirmada de falecementos era de 13 persoas, entre elas tres menores de idade.

As autoridades francesas afirmaron que 53 persoas foron rescatadas, e o alcalde da localidade francesa de Boulogne-sur-Mer sinalou que case 70 persoas ían no buque.

Os datos da Organización Internacional para as Migracións reportan que antes do naufraxio 30 persoas faleceran nesta ruta migratoria ao longo de 2024, o díxito máis alto desde 2021, cando 45 persoas perderon a vida.

“É unha tendencia devastadora que amosa a urxente necesidade dun enfoque integral”, indicou Enver Solomon, que dirixe o Consello de Refuxiados, unha entidade británica. Nese sentido, debullou que “o aumento das medidas policiais e de seguridade na costa francesa derivou en cruces cada vez máis perigosos”.

Políticas de expulsión

A pesar de eliminar o polémico plan dos Gobernos conservadores que o precederon para enviar solicitantes de asilo a Ruanda, o primeiro ministro británico, Keir Starmer (Partido Laborista), tamén está a centrar as súas políticas na expulsión de persoas migrantes sen estabelecer rutas seguras para as migracións como reclama a Organización das Nacións Unidas (ONU).

Comentarios