Benito Vicetto, o xornalismo ao servizo dos intereses da nación

Esta terza feira inaugurouse no Centro Torrente Ballester de Ferrol unha mostra, 'Benito Vicetto e a prensa ferrolá', que analiza a obra xornalística do autor da primeira Historia de Galicia, dando conta da monumental produción que deixou tamén neste eido.
 
Esperanza Piñeiro intervindo na inauguración da mostra, esta cuarta feira, xunto ao outro comisario da exposición, Guillermo Llorca (cuarto pola dereita). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Esperanza Piñeiro intervindo na inauguración da mostra, esta cuarta feira, xunto ao outro comisario da exposición, Guillermo Llorca (cuarto pola dereita). (Foto: Nós Diario)

Toda a súa obra -a historiográfica, a literaria e a xornalística- está impregnada da idea de "levantar o espírito nacional", nun proxecto intelectual de grande escala. Benito Vicetto, cuxa figura foi postergada inxustamente polos historiadores posteriores, estivo moi marcado pola xeración de Antolín Faraldo -"a persoa que con máis empuxe e brío se dedicou á emancipación da Galiza", segundo as súas propias palabras-, foi unha figura fundamental para estabelecer un lazo de continuidade entre a xeración de 1846 e a de Murguía e Rosalía. A monumental obra que deixou escrita estivo sempre dirixida a ese obxectivo de resucitar o "espirito nacional" da Galiza.

No ano do bicentenario do seu nacemento, semella ter chagado o momento da recuperación da súa figura e a restitución da súa obra. A Sociedade Cultural Medulio e Ferrolterra Antiga organizaron toda unha serie de palestras e de actividades que reivindicaron a súa obra e analizaron o seu traballo nos diferentes campos nos que interviu. Mais a iniciativa non quedou só no eido da divulgación: tamén presentaron unha mocion ao pleno do Concello de Ferrol que demandaba que se manifestase publicamente a importancia da figura e da obra de Vicetto, declarándoo fillo predilecto da cidade, pola súa importante contribución na recuperación da memoria histórica da nación galega, como autor da que se pode considerar primeira Historia de Galicia, editada, ademais, en Ferrol. A moción -presentada polo BNG- foi reconvertida nunha declaración institucional que foi aprobada por unanimidade.

A declaración de fillo predilecto fíxose efectiva esta terza feira, coincidindo coa inauguración da exposición, no Centro Torrente Ballester, Benito Vicetto e a prensa ferrolá, na que se analiza a relación do escritor co xornalismo, ao tempo que se mostra material de traballo da época, así como artigos e referencias ás distintas cabeceras que existiron ao longo do tempo na cidade naval.

 Os historiadores Esperanza Piñeiro e Guillermo Llorca son os comisarios desta mostra, que permanecerá aberta ao público no centro municipal até a primeira semana de outubro, e que se presenta como o acto máis destacado dos enmarcados na conmemoración do bicentenario do escritor e historiador.

Un dos xornalistas máis ilustres da Galiza

"Esta exposición é o cumio de todos estes actos que se organizaron neste tempo arredor da figura de Vicetto", afirma Guillermo Lorca en conversa con Nós Diario. "É unha exposición singular e atreveríame a dicir que irrepetíbel. Expomos case duascentas pezas que recollen unha parte importante dos fondos do arquivo de Gamallo Fierros que custodiaba o legado de Vicetto. Ademais, hai un baleirado de fontes arquivísticas e hemerográficas que documentan o labor de Vicetto como un dos xornalistas máis ilustres da Galiza". 

Só a nivel galego aparecen 26 cabeceiras de publicacións coas que colaborou Vicetto. Entre elas El águila, a primeira publicación periódica de Ferrol ou a Revista Galaica, da que foi impulsor e na que puido congregar colaboracións de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Pondal, entre outros.

"Tamén hai unha parte complementaria que escolma a historia da prensa ferrolá", detalla Llorca, que comeza con Vicetto e chega até nós con case 300 cabeceiras de moi diversas tipoloxías, desde El correo gallego, unha das cabeceiras de máis longa vida da cidade [El Correo Gallego fundouse en Ferrol en 1878 aínda que en 1938 se trasladou a Compostela], até o Diario Ferrolano, que foi pioneiro en todo o Estado na introdución da telegrafía sen fíos, antes que Madrid ou Barcelona".

A mostra tamén dedica un apartado á prensa obreira. Ferrol situouse moi cedo na vangarda do movemento obreiro e contou con publicacións como El trabajo, de orientación anarcosindicalista, ou El obrero, unha das cabeceiras socialistas máis importantes do país.

Galiza como suxeito histórico e literario

"O labor de Vicetto tivo tanta importancia que mesmo dedicamos unha vitrina á relación epistolar que tivo Vicetto cos grandes escritores da época, moitas veces por cuestións que atinxían ao seu traballo de xornalista como Murguía, Pondal, Pastor Díaz, Antonio de la Iglesia, Montero Aróstegui..." enumera Esperanza Piñeiro. "Presentamos moitos documentos inéditos. Logramos localizar en Ribadeo o arquivo de Gamallo Fierros e aí atopamos un gran número de novidades, tanto biográficas como manuscritos até o de agora descoñecidos". 

Entre estes inéditos atópase un volume da Historia de Galicia de Vicetto completamente ateigado de correccións, modificacións e ampliacións -organizadas nun enxeñoso dispositivo de despregábeis colados ao libro- que nunca chegou a publicarse por mor do falecemento de Vicetto antes de poder envialas ao prelo.

A observación de todo este conxunto documental mostra ese papel de bisagra entre dúas importantes xeracións do nacionalismo histórico.

"Vicetto tiña moi boa relación con Faraldo", explica Piñeiro, "pero cando se produce o levantamento de 1846 el está en Madrid. Mais xa daquela era un defensor das ideas de autodeterminación da Galiza, que foi as que sostivo ao longo de toda a súa vida. O que sucedeu foi que el morreu relativamente novo e, polo tanto, non deixou a impronta dun Murguía. Mais el era un autor moi apreciado polos intelectuais, e tamén por todas as persoas lectoras que seguían as súas novelas e dramas, como demostran as grandes tiradas e as reimpresións dos seus libros".

En todo caso, como sinala Piñeiro, "a súa teima fundamental era que a Galiza tivese unha literatura e unha historia de seu. El participou de novo, como militar, na primeira guerra carlista, durante a cal a súa compañía estaba acantonada  no mosteiro de Sobrado dos Monxes. Alí amigou cun monxe que lle deu acceso ao arquivo e á biblioteca, onde tomou contacto coa historia da Galiza e onde se iniciou nunha novela histórica que tentaba recuperar o pasado do país".

Ambos, Piñeiro e Llorca, congratúlanse do éxito dos actos que recuperan a memoria dunha figura tan fundamental como esquecido e concordan no obxectivo que debe perseguirse a partir de agora: expandir este recoñecemento por todo o país.

Comentarios