Oriana Méndez e Tamara Andrés, premio Plácido Castro de Tradución

A obra premiada é unha tradución da obra Les Iluminations, de Arthur Rimbaud.
Oriana Méndez e Tamara Andrés. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oriana Méndez e Tamara Andrés. (Foto: Nós Diario).

O xurado da XXII edición do Premio de Tradución Plácido Castro, correspondente ó ano 2023, recoñeceu esta segunda feira o traballo de Oriana Méndez e Tamara Andrés pola obra As iluminacións, de Arthur Rimbaud.

Tras avaliar as obras presentadas, o xurado destacou a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal. "Igualmente, mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais así como a sonoridade", remarcou, para concluír que a obra galardoada "ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a compresión lectora".

O premio

As lluminacións (Les Iluminations) é unha colección de poemas en prosa do poeta francés Arthur Rimbaud (1854-1891). É a primera vez que o Premio Plácido Castro de Tradución recoñece unha tradución poética ao galego.

O galardón está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada 'Babelio', deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica é de 3.000 euros.

Este premio tense consagrado como un referente no sistema literario galego. Na nómina de premiados en edicións anteriores figuran persoeiros como Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto, Antía Veres ou María Alonso Seisdedos.

A cerimonia de entrega do premio terá lugar coincidindo co Día Internacional da Tradución, que se conmemora o 30 de setembro.

Tamara Andrés

É Graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e titulada no mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola USC.

No 2015 publicou Amentalista, unha particular homenaxe ao pintor René Magritte, pintor que mereceu a súa atención en diversas investigacións e artigos. Nese mesmo ano gañou o Concurso de Poesía O Facho con Nenæspiraes, poemario publicado na editorial Medulia. A finais de 2017 publicou Corpo de Antiochia na colección Dombate da Editorial Galaxia, poemario autotraducido ao castelán e finalista do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2018. En 2018 comezou a dirixir con Marcus Daniel Cabada a revista Ligeia.

Oriana Méndez

Licenciada en Filoloxia Galega pola USC. O seu labor poético está recollido en diferentes publicacións, sendo habitual a súa presenza en proxectos de acción poética e encontros de poesía. En 2003 colaborou na elaboración do libro Xuro que nunca volverei pasar fame, publicado por Redes Escarlata.

En 2014 gañou o Premio de poesía do Concello de Carral co poemario O que precede a caída é branco. En 2019 gañou o premio do quinto certame de poesía Rosalía de Castro de Padrón coa súa obra O corazón pronúnciase extenso. En 2020 gañou o premio de poesía Afundación coa súa obra Interna.

O xurado

O xurado estivo formado por Xesús Riveiro Costa (Xunta da Galiza), Patricia Buxán (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Andrea F. Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Xulio Ríos (Real Academia Galega) e Jacobo Domínguez Pedreira, quen actuou en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.

Comentarios