Curtocircuíto mergúllase nas profundidades do ensaio cinematográfico

41 filmes conforman a grella da 21ª edición de Curtocircuíto, un festival que aposta polo cinema máis arriscado e no que as propostas de vangarda e a diversidade cultural se alían para que os retos sociedade contemporáneateñan un espazo para o debate. 
 
'Pura', de Carmen Méndez, un dos filmes que compite na sección Supernova, dedicada ao cine emerxente da Galiza. (Foto: Yaq Distribución)
photo_camera 'Pura', de Carmen Méndez, un dos filmes que compite na sección Supernova, dedicada ao cine emerxente da Galiza. (Foto: Yaq Distribución)

Profundidade, auga, escuridade, silencio. Conceptos asociados aos fondos oceánicos que estarán moi presentes na programación da 21ª edición do festival Curtocircuíto, que decorrerá en Santiago de Compostela entre os  días 1 e 6 de outubro, co Teatro Principal e a Sala Capitol como escenarios principais. Ideas que se contemplan desde diferentes perspectivas: a bioloxía, a ecoloxía, a poesía ou o pensamento abstracto. O cartel de Curtocircuíto 2024, obra de Iñaki López, componse de catro imaxes de abismos mariños que reflicten o espírito inquedo e inmersivo dun evento atento a descubrir e mostrar o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais. Como novidade este ano, esta idea central non se cinguirá á campaña visual, senón que atravesará gran parte da programación do encontro.

Despois das novidades introducidas na estrutura do festival o ano pasado, a Sección Oficial de Curtocircuíto -rebautizada en 2023 como Cosmos- volve recoller a vontade de romper as barreiras entre xéneros cinematográficos e a procedencia das películas para poñelas a dialogar. "Cosmos é unha aposta porque o cine narrativo máis arriscado conviva directamente coas propostas de vangarda e onde a diversidade cultural e outros retos da nosa sociedade teñan un espazo para a súa visibilización e a súa reflexión", din desde a organización festival.

Ensaio cinamatográfico

Vinte e cinco filmes de 16 países como Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán, Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra ou España estarán presentes nesta sección que vén marcada polo risco e a innovación e que, malia incluír tamén propostas de ficción e de cinema documental está especialmente inclinada cara ao ensaio. A diversidade cultural funciona como pano de fondo desta selección, que se interna tamén noutras temáticas que interprelan a sociedade contemporánea.

Bliss Point, de Gerar Ortin; For Here Am I Sitting in a Tin Can Far Above the World, de Gala Hernández; The Sunset Special 2, Nicolas Gebbe; The Vertigo of the Ways of Seeing, de Daniel Pitarch; Terminal Island, de Sam Drake; Crushed, de Camille Vigny; Into the Magnetic Fields, Sandra Schäfer; Moon v. State, de James N. Kienitz Wilkins; City of Poets, Sara Rajaei; ou Arbor Labor, de Stefanie Weberhofer, son algúns dos filmes que mostran esta deriva cara ao pensamento do cinema presente en Curtocircuíto.

Cinema galego

A sección Planeta GZ, por outro lado, celebra o cinema galego proxectando películas dirixidas polas e polos cineastas máis singulares do país. Nesta edición preséntanse nove películas, a maioría delas dirixidas por mulleres, que exploran diversas facetas da paisaxe rural a través do xénero documental. Exposed, de Nela Fraga, un compendio de retratos feitos desde a intimidade e a complicidade; Queimar cando morra, de Inés Pintor, unha reflexión sobre a familia, os recordos e sobre o que era a vida das mulleres e sobre como cambiou; son só dous exemplos das películas que se poderán ver en Compostela dentro deste grupo, xunto con filmes que xa rodaron polo circuíto festivaleiro, como Pechar caixas abrir caixas, de Hugo Amoedo, un ensaio que cruza as vidas do escritor Xavier Queipo, que regresa á Galiza despois de 30 anos asentado en Bruxelas, e a do propio autor, que chegou á capital belga en 2011. 

O cinema que virá

Finalmente, a sección Supernova, a sección dedicada a traballos de creadoras galegas emerxentes, presenta unha selección de sete pezas que inclúen ficción, documental e experimental con rexistros narrativos e estéticos diferentes e que visa a mostrar as primeiras obras de novos autores, na "procura da identidade propia" e con autoría "predominantemente feminina".

 Cris Souto, Ánxo González Álvarez, Clara Maseda da Veiga, Patricia Lleras e Ramón Martínez, Elena Mato, Carmen Méndez e Víctor Soho son os autores das sete curtas que se mostrarán neste apartado do festival.

Premios

En total, Curtocircuíto 2024 mostrará 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países. Destes títulos, 27 están dirixidos por mulleres, o 65’8% do total —15 de 25 en Cosmos, 6 de 9 en Planeta GZ, 6 de 7 en Supernova—, un dato que pon de manifesto -subliña a organización do festival- "a aposta de Curtocircuíto pola mirada feminina na súa programación".

A sección Cosmos conta cos galardóns a Mellor película, dotado con 4.000 euros; Mellor película innovadora, con 2.000 euros; e Mellor película española, dotado con mil euros e outros tantos en aluguer de material de rodaxe. No panorama galego o premio principal é o Galiza, dotado con 2.000 euros, aínda que a sección Supernova tamén conta coa súa distinción, aínda que sen dotación económica.

Comentarios