Susana Rodríguez Gacio, medalla de ouro en tríatlon

A triatleta viguesa, xunto a Sara Pérez, amosou a súa superioridade na proba de principio a fin e proclamouse campioa paralímpica por segunda vez.
A viguesa Susana Rodríguez Gacio e a súa guía Sara Pérez, medalla de ouro en Paris 2024. (Foto: @Paris2024).
photo_camera A viguesa Susana Rodríguez Gacio, á dereita, e a súa guía Sara Pérez, medalla de ouro en Paris 2024. (Foto: @Paris2024).

A triatleta galega Susana Rodríguez Gacio proclamouse esta segunda feira  dobre campioa paralímpica tras lograr a medalla de ouro na proba de tríatlon para deportistas con discapacidade visual dos Xogos de París.

A deportista foi a gran dominadora na capital francesa, como xa fixera hai tres en Toquio, entón acompañada por Sara Loehr. Nesta ocasión, con Sara Pérez, foi a mellor en natación, ciclismo e na carreira a pé, para gañar con moita autoridade o seu segundo ouro paralímpico.

A triatleta viguesa cruzou a meta con 2'24'' de vantaxe sobre a italiana Francesca Tarantello e 4'02'' sobre a alemá Anna Renner. Desde o inicio da proba non deu opcións ás súas rivais. 

Dominio absoluto

Susana Rodríguez e Sara Pérez foron as primeiras en saír das augas do Sena, ao pé da torre Eiffel. Sobre a bicicleta ampliaron a súa diferenza con respecto ás súas perseguidoras e, na carreira a pé mantiveron o ritmo para completar a proba en 1 hora 4 minutos e 19 segundos.

A medalla de prata, a máis de dous minutos, foi para as italianas Francesca Tarantello e Silvia Visaggi, cun tempo de 1 hora 6 minutos e 43 segundos e o bronce para as alemás Anja Renner e Maria Paulig con 1hora 8 minutos e 21 segundos.

Terceiros xogos

Para a atleta galega, os de París 2024 son os terceiros Xogos despois da súa estrea en Río 2016, onde logrou unha quinta posición no debut paralímpico do tríatlon, e de proclamarse campioa paralímpica en Toquio.

No seu palmarés conta con cinco campionatos do mundo (2012, 2018, 2019, 2021 e 2022) e tres subcampionatos (2013, 2017 e 2023). Tamén gañou o título continental en catro ocasiones (2014, 2019, 2022 e 2023). Ademias, o ano pasado recibiu o Premio Nacional do Deporte en categoría absoluta, xunto ao tenista Carlos Alcaraz.

Comentarios