París 2024

A hora do deporte paralímpico galego: estas son as opcións de medalla nos Xogos de París

Os Xogos Paralímpicos de París 2024 xa están en marcha. Tras a inauguración esta cuarta feira na capital francesa, esta sexta feira comeza a competición oficial coas probas de natación e os partidos de baloncesto. A Galiza estará presente con catorce participantes no evento, sen contar a presenza de deportistas de apoio.
Cerimonia de inauguración dos Xogos Paralímpicos na praza da Concordia de París, esta cuarta feira. (Foto: Adam Davy / PA Wire / DPA vía Europa Press)
photo_camera Cerimonia de inauguración dos Xogos Paralímpicos na praza da Concordia de París, esta cuarta feira. (Foto: Adam Davy / PA Wire / DPA vía Europa Press)

París inaugurou esta cuarta feira a cita máis importante para o deporte adaptado: os Xogos Paralímpicos. Atrás queda a inauguración, realizada esta cuarta feira na Place de La Concorde e os Champs-Elysées, para dar paso esta mesma quinta feira á competición. Co obxectivo de superar a boa actuación galega en Toquio 2020, onde se conseguiron catro medallas —dous ouros, unha prata e un bronce— e nove diplomas, catorce deportistas con discapacidade, sen contar a de deportistas de apoio, participarán neste agardado evento. 

Medallistas en Toquio 2020

Se a experiencia de Toquio serviu para dar máis visibilidade internacional ao deporte adaptado galego, a de París podería seguir o mesmo camiño. Repiten nestes Xogos, con éxito en Xapón, deportistas de paratriatlón, o atletismo ou tiro adaptado. Entre as figuras máis coñecidas que marcaron o atletismo  está, sen dúbida, Adiaratou Iglesias (Bamako, Malí, 1999). O seu ouro nos 100 metros e a prata nos 400 na clase T13 deron a volta ao mundo e agora en París aspira a todo. Outra medallista, tamén ouro en Toquio 2020, é Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 1988) que partiu de estar en Rio 2016, onde rematou en quinto lugar, para subir catro anos despois ao máis alto do podio.

Os Xogos Paralímpicos de París comezarán con natación e baloncesto. (Foto: Nós Diario).
Os Xogos Paralímpicos de París comezarán con natación e baloncesto. (Foto: Nós Diario).

Nun deporte ben diferente, o tiro adaptado, a Galiza contará con Juan Antonio Saavedra (Pontevedra, 1973). En París computará a súa longa experiencia, con títulos en Londres e Toquio coa carabina de 50 metros. Agora vén de ser terceiro no Europeo que lle serviu como preparación para estes Xogos. 

Opcións galegas

Alén de deportistas con podios paralímpicos, a expedición galega ten nesta ocasión varias cartas que xogar polos bos resultados este ano dos seus deportistas. É o caso de Damián Ramos (A Coruña, 1986) que en ciclismo adaptado chega a París após facerse cun ouro e mais un bronce na Copa do Mundo decorrida en maio en Ostende (Bélxica). Outro exemplo é Judith Rodríguez (Vigo, 1995) que, en esgrima en cadeira de rodas vén de gañar, en xullo, un ouro en florete e outra prata en espada na Copa do Mundo que se viviu en Varsovia (Polonia).

Con experiencia nos Paralímpicos, serán os seus terceiros Xogos, Martín de la Puente (Vigo, 1999) conta co aval de ser sete veces campión estatal, diploma olímpico en Rio e Toquio e, en xullo, subcampión de Wimbledon. En deportes de grupo, ademais, Vicky Alonso (Vigo, 1982) e Manuel Lorenzo (Mugardos, 1999) formarán parte dun conxunto estatal de baloncesto con pretensións.

Atletismo, natación e piragüismo

En atletismo adaptado, e con experiencia, Gustavo Nieves  (Vilalba, 1982) afronta os seus sextos Xogos disputando a proba raíña que fechará París 2024: o maratón. No mesmo deporte a Galiza envía a Desirée Vila (Gondomar, 1998) que, após estrearse en Toquio, loitará polo metal en salto de lonxitude e nos 100 metros lisos. 

En natación adaptada, as opcións están en Jacobo Garrido (A Coruña, 2002) e Juan Ferrón (Vigo, 2003). O primeiro tentará mellorar os tres diplomas en Toquio nas probas de 400 libres, remuda 4×100 libres e 4×100 estilos e o segundo facer valer o sétimo nos 100 metros bolboreta que conseguiu en abril no Campionato Europeo de Madeira, en Portugal. 

Por último, en piragüismo, as olladas están postas en Araceli Menduíña (Cangas, 1969) e Adrián Mosquera (Rianxo, 1996). A primeira, a máis veterana da expedición galega, estrearase nuns Xogos Parlímpicos tras proclamarse campioa de Europa na modalidade KL3 200. O segundo foi campión do mundo na súa disciplina e o primeiro piragüista galego en ir a uns Xogos Paralímpicos, os de Toquio 2020.

Primeiras participacións

A competición oficial comezará esta quinta feira. Abrirá a xornada Juan Ferrón ás 9.30 horas nas series de natación S13 en 100 metros bolboreta. Á mesma hora tocaralle nadar a Jacobo Garrido, no seu caso en natación S9 en 400 metros libres. Despois, o baloncesto será protagonista coa participación no combinado estatal de Vicky Alonso ante o Reino Unido (12.45 horas) e Manuel Lorenzo ante Estados Unidos de América (16 horas). Xa esta quinta feira, continuará o baloncesto, con Manuel Lorenzo xogando contra Australia (12.45 horas) e Vicky Alonso ante China (21.30 horas). 

Na fin de semana, o sábado, Juan Ferrón continuará a súa participación en natación S13 en 400 metros libres (10.15 horas). Ademais, o ciclista Damián Ramos correrá a persecución individual en clase 4 (11.05 horas). O domingo será a quenda do tiro olímpico, con Juan Antonio Saavedra abrindo a rolda R3 de rifle de aire tendido 10 metros SH1 (9.30 horas). Ese día continuará o baloncesto cos encontros ante Países Baixos no masculino (18.15 horas) e contra Canadá no feminino (21.30 horas). 

A participación de Susana Rodríguez Gacio en triatlón está prevista para o 2 de setembro (10.10 horas) e a de Adiaratou Iglesias en atletismo o 3 de setembro (11 horas).

Comentarios