O baloncesto galego comeza a pretempada con múltiples retos para o novo curso

Esta mesma semana, co inicio da pretempada, incorporáronse á disciplina deportiva despois das vacacións os últimos clubs de baloncesto galego. Cos equipos xa confirmados despois das últimas incorporacións, algúns xa contan con compromisos deportivos previos ao inicio da liga.
Adestramento do Club Ourense o pasado 23 de agosto (Foto: C. Ourense).
photo_camera Adestramento do Club Ourense o pasado 23 de agosto. (Foto: C. Ourense).

O baloncesto galego ultima os preparativos para a súa estrea nas diferentes categorías deste deporte a nivel estatal. Cos calendarios xa confirmados pola Federación Española de Baloncesto (FEB) e malia que falta un mes para o inicio da competición, os equipos xa fecharon, en boa medida, o seu cadro de xogadores e xogadoras. 

Na elite deste deporte competirán o Básquet A Coruña, que chega á máxima categoría por primeira vez, e o Breogán, que conseguiu manterse na Liga ACB. O primeiro estreouse cun amigábel esta terza feira ante o Porto en Caminha (Portugal), nun encontro sen rematar ao feche desta edición, e viaxará o sábado até Laredo (Cantabria) para xogar contra o Bilbao Basquet. O seu técnico, Diego Epifanio, conta con novas incorporacións, como a última do base norteamericano Brandon Taylor que se suma ás de LJ Figueroa, Phil Scrubb e Trey Thompkins. Esta tempada o equipo herculino muda de escenario local e pasará ao Coliseum mais aínda non o pode empregar por estar en obras. 

No Breogán, Veliko Mrsic repite por cuarto ano consecutivo como adestrador dos lucenses co aval de manter o equipo nesta categoría. Para o novo curso, o club realizou fichaxes importantes, como a do exterior Darrun Hilliard que podería ser a estrela do cadro galego. Ademais, estará acompañado de Charlie Moore, Jordan Davis e o destacado tirador serbio Aleksandar Aranitović, que chega procedente da histórica Cibona de Zagreb. 

Torneo EncestaRías ACB

O equipo de Mrsic xogará o IX Torneo EncestaRías ACB estreándose ante o Mónaco o 13 de setembro, a mesma data e cita na que o Básquet A Coruña  fará o mesmo contra o Valencia. 

A final, o 14 de setembro, podería ser o primeiro derbi para estes dous equipos galegos. 

Primeira FEB

Na Primeira FEB, o Obradoiro atópase inmerso nun intenso proceso de renovación tras o descenso de categoría, un lugar que non ocupaba desde había doce anos. A mudanza máis importante foi a do adestrador, pasando de Moncho Fernández a Gonzalo Rodríguez, un dos seus axudantes. Ademais, o equipo ten caras novas, entre as que figura a última incorporación esta pasada fin de semana do exterior norteamericano Brad Davison.

Tras o descenso, só o capitán, Álvaro Muñoz, continúa no equipo, e o club fichou 10 xogadores: Sergi Quintela, Tomeu Rigo, Millán Jiménez, Nacho Arroyo, Toms Leimanis, Strahinja Micovic, Alejandro Galán, Oliver Stevic e Jake Stephens. O seu primeiro partido oficial será o 7 de setembro, no Sar, ante o  Ourense, na primeira xornada da Copa de España.

No Club Ourense Baloncesto, pola súa parte, Moncho López agarda "competir ben" mesmo antes do inicio da liga. Por este motivo ten un valor especial o partido contra o Obradoiro. Cun equipo xa completo, poderá contar cos renovados Javi López, Samu Rodríguez, Romaro Gill e Unai Mendikote ademais das incorporacións de Rafa Lisboa, Diego Brito, Martín Fernández, Santi Paz, Ignacio Rosa, Ben Krikke e Aanen Moody. 

Copa Galiza en Lugo

Estes catro conxuntos galegos de baloncesto profesional terán unha cita previa ao inicio da competición oficial: a Fase Final da XXXVIII Copa Galicia Sénior Masculina. Breogán, Básquet A Coruña, Obradoiro e Club Ourense Baloncesto serán os protagonistas deste torneo, que decorrerá os días 20 e 22 de setembro e que terá como escenario o Pazo dos Deportes de Lugo. A cidade da muralla repite, desta maneira, como sede da cita copeira, xa que nela tivo lugar tamén a da pasada tempada.

Liga Feminina 

Na Liga Feminina serán tres os equipos galegos que estarán na máxima categoría: Maquinaria Ensino, Baxi Ferrol e Celta. O primeiro, dirixido por Lino López, aínda está pendente da chegada das incorporacións de Moira Joiner e Julie Pospisilova. Entre as citas importantes por diante está a disputa da rolda previa de Eurocup ante o Battipaglia italiano, os días 18 e 26 de setembro. Antes xogará, con motivo do EncestaRías, contra o Ensino este sábado na casa. Ademais, disputará o Trofeo Cidade de Ferrol o 7 de setembro ante o Benfica portugués. 

O Ensino de Lugo vén de incorporar a lusa María Bettencourt e comezou esta terza feira os adestramentos. O seu adestrador, Antonio Pernas, aínda non deu a coñecer os partidos de pretempada, mais está confirmada a súa participación na Copa Galiza esta fin de semana. Aliás, xogarán contra o Salamanca o 15 de setembro.  

Por último, o Celta Baloncesto vén de renovar o contrato que o une ao RC Celta por catro anos máis, até 2028. Será a segunda campaña que de maneira consecutiva o equipo vigués dispute nesta liga Feminina e a pretempada comezou esta segunda feira cos recoñecementos médicos. Por eles pasaron xogadoras vitais para o equipo celeste como Luize Sila, Clementine Samson ou a aínda xogadora en idade júnior, Uxía Rodríguez. Entre as novas incorporacións ao conxunto que dirixe Cristina Cantero está Matea Tadic.

Comentarios