Rueda inaugura o curso político galego cun recurso á amnistía

O Goberno galego aprobou esta segunda feira, na súa primeira reunión após a parada de agosto, interpor un recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Amnistía. O Executivo presidido por Alfonso Rueda inaugura así o curso político galego cunha decisión que segue o ditado marcado desde a rúa Xénova —sede do PP español— e nun tema da axenda madrileña e catalá. 
Consello da Xunta do 2 de setembro de 2024 presidido por Alfonso rueda. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Consello da Xunta do 2 de setembro de 2024 presidido por Alfonso rueda. (Foto: Xunta da Galiza).

O curso político na Galiza arrancou esta segunda feira, 2 de setembro, coa reunión do Goberno galego após un mes de parada vacacional. A primeira decisión anunciada polo presidente Alfonso Rueda na súa comparecencia posterior á xuntanza do Goberno galego foi anunciar o visto e prace á interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Amnistía para as persoas condenadas pola participación no procès catalán.

Rueda, explicou que este recurso "xa anunciado" chega despois dos ditames favorábeis do Consello Consultivo e da asesoría xurídica da Administración autonómica.

 

A "arbitrariedade da lei", a "quebra do principio de igualdade territorial, xurídica e económica" e a "vulneración da separación de poderes" son algúns dos argumentos que, en palabras do mandatario galego, hai para que a Xunta decidise interpor este recurso ante o Tribunal Constitucional.

Turismo

A preguntas da prensa sobre se a grande afluencia de turistas á Galiza este verán obriga a repensar o modelo turístico para evitar masificacións, o presidente centrou a súa resposta en criticar aquelas "actitudes", que responden a unha "ideoloxía" e que pretenden, dixo, que "ninguén teña dereito a gozar do que ten a Galiza".

Para Rueda, esas actitudes están a danar Galiza ("só hai que saír da Galiza ver algúns comentarios") e son alentadas unicamente por "unha minoría que responde a formulacións ideolóxicas" que o que queren é dar a "imaxe de que este é un pobo hostil" ao turismo.

Hospital Álvaro Cunqueiro e Eulen

Tamén a preguntas da prensa pronunciouse o titular da Xunta sobre a comisión de investigación solicitada polo BNG e PSdeG sobre os contratos da Administración galega con Eulen —na que figura como directiva Micaela Núñez, irmá de Alberto Núñez Feixoo—. "Temos absoluta tranquilidade sobre isto", limitouse a sinalar.

Preguntado por Nós Diario sobre a adxudicou por parte da Xunta do control das obras do Hospital Álvaro Cunqueiro á empresa dunha antiga viceconselleira do PP de Madrid, o presidente afondou nas respostas breves: "Descoñezo iso".

Na súa comparecencia, Rueda tamén anunciou outros acordos adoptados na reunión do Executivo, como diversos programas en formación laboral, ou o cesamento por petición propia de Ramón Martínez, director xeral de Calidade Ambiental, e que pasa ser substituído por María José Echeberría Moreno.

Tamén informou o presidente  da adopción dunha serie de medidas para apoiar as Denominacións de Orixe na xestión dos excedentes do viño; ou da autorización da fase inicial deste proxecto Xeroma que vai supor que se recollan, de maneira inmediata, mostras de ADN a 2.000 cidadáns e cidadás de entre 35 e 70 anos. Este proxecto recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas para identificar variantes xenéticas de alto risco antes de que aparezan.

Comentarios