O BNG denuncia un transporte deficitario na comarca de Ferrolterra: o alumnado do rural fica sen alternativas

O deputado Mon Fernández demandará no Parlamento Galego que a Xunta tome as medias necesarias para que a veciñanza poida desprazarse aos centros de ensino da súa elección.

O deputado do BNG Mon Fernández. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG Mon Fernández. (Foto: Nós Diario).

Veciñanza dos concellos de Moeche, San Sadurniño e dalgunha parroquia de Narón limítrofe con San Sadurniño (Doso e Pedroso) que quere cursar estudos non obrigatorios atopa unha "barreira case infranqueábel", segundo sinala o BNG nun comunicado.

Trátase do transporte até os centros de ensino escollidos polo alumnado, na maioría das ocasións o IES Fernando Esquío do concello de Neda, por ser o seu centro de referencia para determinadas especialidades de bacharelato, mais tamén os diferentes centros de bacharelato ou de FP dos concellos de Ferrol e Narón.

"O xa deficitario e problemático sistema de transporte público por estrada xestionado pola Xunta de Galiza tórnase case inexistente en determinadas zonas do rural da comarca de Ferrol, tendo un impacto moi negativo e moi sensíbel especialmente para as persoas que queren realizar algún curso en etapas non obrigatorias", afirma a formación nacionalista.

Fronte a esta problemática, xa trasladada á Xunta por parte de representantes municipais dos concellos afectados en varias reunións, o Goberno galego "basicamente bota balóns fóra" e recomenda aos municipios afectados asumir o custo de activar algún servizo de transporte especial para estas persoas.

Transporte escolar

Para o BNG da comarca de Ferrolterra é un exemplo práctico de como o Executivo galego do Partido Popular "descarga as súas propias competencias en calquera que se atreva a solicitar a prestación ou mellora dun servizo público, por máis que este sexa da súa exclusiva competencia". E precisa: "Neste caso estamos a falar do transporte por estrada, competencia da Xunta, nun ámbito, o do ensino, tamén competencia da Xunta".

Segundo sinala o Bloque, a negativa da Xunta a variar as liñas regulares de Burela-Ferrol e Vilalba-Ferrol, a mellorar o transporte escolar existente para alumnado da ESO dun xeito que poida recoller tamén a este outro alumnado das etapas non obrigatorias ou a xa histórica negativa da Xunta a reclamar e activar o transporte ferroviario de proximidade, que si daría solución a estes territorios, deriva en que a poucos días de comezar o cursos nos diferentes centros a problemática segue sen se amañar.

A falta de alternativas de transporte, estima o BNG pode afectar "unha gran cantidade de persoas tendo en conta que no CPI de San Sadurniño, que é o centro de referencia para este territorio, se gradúan unhas 30 persoas todos os anos que se atopan co problema do transporte para continuar os seus estudos polo simple feito de vivir no rural, unha auténtica discriminación marca Partido Popular".

Así, os nacionalistas demandarán, a través do seu deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, que a Xunta de Galiza se responsabilice das súas competencias e tome as medidas necesarias para que os veciños e veciñas destas localidades que queiran cursar estudos de etapas non obrigatorias poidan desprazarse aos centros de ensino da súa elección.

Comentarios