1,3 millóns de euros máis ao ano: Compostela estima a suba do canon de Sogama e chama á unidade para combatela

A taxa que pagan os municipios pasará dos 66 euos actuais por tonelada aos 108 en 2025.
A portavoz municipal do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao. (Foto: Pazo de Raxoi).
photo_camera A portavoz municipal do Concello de Santiago de Compostela, Míriam Louzao. (Foto: Pazo de Raxoi).

A portavoz do goberno municipal de Santiago, Míriam Louzao, reiterou esta segunda feira o rexeitamento do Concello compostelán á suba do canon que propón Sogama a respecto da xestión do lixo e que suporía un gasto de 1,3 millóns de euros máis para a cidade. Neste sentido, Louzao apelou a outras administracións locais, ás que animou a unirse para "combatela" entre todas.

Sogama, empresa dependente da Consellería de Medio Ambiente, considera "necesario" aplicar unha suba no canon que pagan os municipios, que pasará aos 108 euros por tonelada para 2025, no canto dos 66 actuais.

Louzao asegurou esta segunda feira en rolda de prensa que o anuncio de Sogama supón unha "mala noticia" que o seu goberno "quere combater" da man doutros concellos e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Carta da Fegamp a Sogama

O presidente da Fegamp, Alberto Varela, enviou unha carta ao presidente de Sogama, Javier Domínguez, na que traslada o seu "malestar" polo anuncio e polas formas "ao non ter ningún coñecemento previo da mesma". Segundo informou a Fegamp, nesa misiva Varela tamén fai referencia ao "grande impacto que esta decisión unilateral tería para as entidades locais galegas".

Nesta conxuntura, Louzao esgrimiu que nas últimas horas o Goberno local analizou en detalle a "repercusión" que tería este anuncio se finalmente chega a aplicarse e tachouno de "escandoloso". Así, afirmou que o Concello de Santiago pagaría ao redor dun millón de euros máis con respecto ao que vai pagar en 2024, concretamente, segundo puntualizaron fontes, situaríase perto de 1,3 millóns máis, mentres que a diferenza con 2023 situaríase en 2,3 millóns.

A voceira do Goberno de Compostela lamentou a "nefasta política" de tratamentos de residuos da Xunta, que lles fará pagar unha "suba escandalosa" por unha "irresponsabilidade". Neste sentido, a alcadesa, Goretti Sanmartín, xa esgrimiu a pasada sexta feira que esta subida estaba baseada nun modelo de xestión de lixo "absolutamente obsoleto, custoso e contaminante".

Comentarios