Rueda abre a porta a que a Xunta presente un recurso no Constitucional contra a lei de amnistía

Se outras autonomías optan polo camiño, "a Galiza probabelmente terá que ir tamén por ese camiño", sinalou Rueda.
Alfonso Rueda (Foto: Arxina).
photo_camera Alfonso Rueda, esta segunda feira tras o Consello da Xunta (Foto: Arxina).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, deslizou esta sexta feira que, "probabelmente", o Goberno galego tamén recorrerá ante o Tribunal Constitucional a lei de amnistía aprobada a quinta feira no Congreso español, tal e como xa confirmaron que farían outras autonomías do PP.

"Para dar eses pasos primeiro hai que ver, hai que analizar o texto, mais todo indica que non nos deixan outro remedio", dixo o mandatario galego, ao ser preguntado polos medios respecto desta cuestión.

Na súa primeira valoración ante a prensa tras a aprobación da lei no Congreso, Rueda recalcou que é "unha quebra da igualdade fundamental" que hai no Estado español porque busca "beneficiar a algúns en prexuízo de todos os demais".

O presidente da Xunta apuntou as "moitísimas dúbidas de xuíces, fiscais, expertos en dereito constitucional, mesmo en penal", sobre esta medida negociada polo PSOE cos partidos soberanistas cataláns para a investidura de Pedro Sánchez.

Neste contexto, Rueda aproveitou para lamentar que o Goberno español "non é capaz de aprobar ningunha lei, nin sequera a de orzamentos" porque "llas tomban todas", mais en cambio a de amnistía "non fallou". Canda isto, advertiu que os dirixentes do procés "nunca van ter suficiente" e "sabían que isto era un primeiro paso" antes de "pisar o acelerador".

Esta situación mantén ao Executivo estatal "absolutamente cativo de determinados territorios" e de dirixentes que "non pretenden a igualdade" entre autonomías, considerou o presidente da Xunta. Por tanto, os seus servizos xurídicos van "ver ben o texto" e "desde logo" terán que "reaccionar".

Acto seguido, preguntado polos medios sobre se esa reacción implicará un recurso, Rueda respondeu que é un "método" de manifestar a "opinión política" e que, se outras autonomías optan por el, "a Galiza probabelmente terá que ir tamén por ese camiño".

Comentarios