Crónica

O Congreso aproba a Lei de amnistía

A Cámara baixa deu luz verde ao texto de forma definitiva após tombalo o Senado grazas á absoluta do PP.
Tenso debate no Congreso sobre a Lei de amnistía. (Fotos: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O Congreso español debatiu esta quinta feira a Lei de amnistía para Catalunya.

O Congreso español debatiu esta quinta feira a Lei de amnistía para Catalunya, un texto que o Senado, grazas á maioría absoluta do PP, tombou o pasado 14 de maio. Agora a Cámara baixa volveu estudar o proxecto de lei para, desta volta si, aprobalo de forma definitiva. O documento saíu adiante contou cos apoios previsíbeis, os de PSOE, Sumar, Podemos, ERC, Junts, EH Bildu, PNV, BNG e o deputado non adscrito José Luis Ábalos, e o 'non' de PP, Vox, Coalición Canaria e UPN.

Emitíronse 349 votos, dos que 177 foron favorábeis e 172 contrarios, e non houbo ningunha abstención. A deputada ausente foi Martina Velarde (Podemos), que non asistiu ao hemiciclo nin emitiu un voto telemático, o que axustou aínda máis a votación.

O día da vitoria para Junts e ERC

Nas súas intervencións, ERC e Junts deixaron clara a idea de que a aprobación da Lei de Amnistía era unha "vitoria" nun día "histórico", un paso previo cara o referendo de autodeterminación en Catalunya. A portavoz de Junts, Míriam Nogueras,  sinalou que "hoxe non se perdoa, hoxe gáñase unha batalla do conflito que existe desde hai séculos entre a nación catalá e a nación española". A deputada independentista apuntou que non se precisaba esta lei se o Estado español "fixese unha transición democrática real, especialmente nas cúpulas xudiciais" e se PSOE e PP non participasen " activamente a represión". Pola mesma, enviou unha mensaxe ás xuízas e aos xuíces, de que "teñen a oportunidade de situar a xustiza española ao carril dos estándares europeos" porque toda a cúpula xudicial sabe que os independentistas non son "terroristas nin delincuentes".

Pola súa parte, para o portavoz de ERC, Gabriel Rufián, a desta quinta feira foi a "primeira derrota do réxime do 78", Tras dar as grazas aos principais protagonistas condenados polo 'procés', incluíndo a Puigdemont, por liderar "aquel goberno tan valente", reivindicou a unidade do independentismo. "ERC non estaba equivocada, estaba moi soa”, asegurou, “E o que está a pasar hoxe aquí, é o resultado de todo un independentismo unido por unha causa que transcende as nosas batallas diarias, así de fortes somos", salientou. Porén, alertou de que "isto non é un punto e final" e que aínda ten que votar "o partido xudicial". E é que, deu por feito que haberá xuíces que "non van cumprir a lei".

PSOE: "As estratexias do PP non funcionaron"

Por parte do PSOE o encargado de defender a norma foi o deputado socialista Artemi Rallo, quen asegurou que "Europa, España e Catalunya" dixeron "si" á Lei de Amnistía. Entre insultos de deputadas e deputados de Vox, Relo cargou contra os que denominou como membros dunha formación  "neofascista" e "filonazi". O deputado socialista lembrou os últimos  resultados electorais en Catalunya e reprochou ao PP que tentara todo para impedir que a Lei de Amnistía saíse vise a luz.

"Non escatimou en estrataxemas, tentouno todo, desde a pueril exixencia do voto por chamamento aos deputados, até a perversa e inútil apelación ao transfuguismo, desde boicotear emendas transaccionais en comisión até propoñer a ilegalización de partidos nacionalistas", recriminou.

PP e Vox coinciden en chamar “covarde” a Sánchez

Desde o PP, o seu líder, Alberto Núñez Feixoo, sumouse aos insultos da ultradereita e chamou "covarde" ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, polo que considerou unha "fraude electoral" que, ao seu xuízo, supón a "acta de defunción" do PSOE. Ademais, engadiu que a norma aprobada é un acto de "corrupción política" coa que o presidente do Goberno español logrou a investidura para chegar á Moncloa. Dito isto, sinalou que o PSOE pode falar de "dereita, de ultradereita, de fachas" ou "de Franco" pero subliñou que "a realidade que non cambia" é que” mentiron aos españois” por aprobar unha amnistía que "prometeron non facer".

Entre as intervencións incendiarias estivo, ademais, a do líder de Vox, Santiago Abascal, que afirmou que constitúe "o atentado máis grave aos españois honrados que cumpren a lei desde 1978", á vez que avisou de que a norma "lexitima ou golpe e a violencia política" en Catalunya. O líder da ultradereita colocou na súa intervención, en diferentes momentos, a ETA, Hamas e “os narcogobernos de Hispanoamérica”. Rematou botándolle en cara ao PP por "non facer todo o posíbel" para frear a Lei de Amnistía, mesmo freando “as manifestacións solicitadas nas comunidades autónomas nas que cogobernan".

"Lección de firmeza democrática" para o BNG

O debate comezou ás nove da mañá coa intervencións do Grupo mixto, constituído, entre outras formacións, polo BNG. O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, salientou durante a súa participación que o Estado español "sofre un déficit democrático" derivado da Transición polo que cre que esta norma será "toda unha lección de firmeza democrática fronte ao inmobilismo da dereita" e conseguirá a partir de agora "abrir unha fenda de democratización no Estado".

Rego, ademais, asegurou que o Estado español "sofre un déficit democrático" derivado da Transición. Alén diso, defendeu a norma como un paso para recoñecer o conflito político en Catalunya mais tamén na Galiza e en Euskal Herria. “A dereita leva meses cunha campaña feroz contra a Lei de Amnistía, unha dereita que cada vez é máis ultra e só pon impedimentos para que a democracia avance”, asegurou.

EH Bildu e PNV-EAJ piden rematar coa inxustiza

A representación vasca no Congreso, EH-Bildu e PNV-EAJ, apuntou á fin dun conflito e puxo énfase no futuro. Desde EH Bildu, Jon Iñarritu afirmou que a Lei “reverte unha inxustiza” tendo en conta que o Estado empregou a xustiza “como un arma de vinganza política contra o independentismo". Por este motivo insistiu que "hai unha oportunidade de crear un clima de confianza para tratar as situacións de Catalunya e o resta de nacións sen estado”.

Por parte do PNV-EAJ, o deputado Mikel Legarda reclamou ao Goberno español que aproveite esta norma para deixar de tratar o conflito político en Catalunya como unha cuestión de desordes públicos. “Hai que desxudicializar o procès”, exixiu, ademais de apuntar que a Constitución non impide completamente o dereito a decidir.

Alerta Solidària afirma que a lei só beneficiará 419 persoas

Desde Catalunya, o colectivo de avogados Alerta Solidària publicou un reconto de persoas represaliadas que es beneficiaran da Lei de amnistía. Segundo esta entidade, só 419 persoas poderán beneficiarse desta lei das 1.168 que figuran na súa lista. Nestes datos figuran manifestantes e activistas con causas penais, mais non políticos e membros da administración.

Para contabilizar o que consideran “represión xudicial” contra as persoas durante estes anos, a organización contabiliza ás 597 que xa teñen as súas causas arquivadas e 152 obtiveron a absolución. Quedarían 419 persoas que se repartirían así: en instrución (143), condenadas (137), agardando xuízo (127) e agardando sentenza (12). 

O colectivo indica que responde aos “casos que coñecemos” e lembra que as cifras finais poden ser máis altas. Salientan que as 749 persoas que non se beneficiarán da lei tiveron a sorte “de contar cunha sociedade civil organizada que supliu as ausencias da lenta e inxusta vía institucional”. Por último, lamentan que non se desactivaron as armas para unha futura represión. “O Estado, cando faga falta, farao outra vez”, conclúen.

Comentarios