Susana Rodríguez, elixida para ser unha das 'Barbie' que recoñecen nove deportistas que romperon barreiras

"Espero que as nenas vexan nisto un exemplo de alguén que a pesar de ter certas dificultades, mediante o traballo, o esforzo e sobre todo a confianza nunha mesma podes lograr moitas desas metas que en principio poden parecer difíciles de conseguir", dixo a triatleta.
A triatleta viguesa Susana Rodríguez, na pista de atletismo de Balaídos. (Foto: Petra Rajnikova)
photo_camera A triatleta viguesa Susana Rodríguez, na pista de atletismo de Balaídos. (Foto: Petra Rajnicova)

A compañía Mattel anunciou esta cuarta feira o lanzamento de nove monecas exclusivas 'Barbie' coas que renderá homenaxe a nove deportistas de todo o mundo, entre elas a triatleta viguesa con discapacidade visual Susana Rodríguez Gacio, actual campioa paralímpica na súa modalidade deportiva.

A galega rompe así a unha nova barreira e convértese nunha das protagonistas que elixiu Mattel con motivo do 65º aniversario de 'Barbie' para deseñar unha moneca exclusiva feita á súa semellanza e coas que pretende "celebrar as barreiras que romperon para as mulleres nos seus respectivos campos". "Ao recoñecer as deportistas que romperon barreiras para as mulleres nos deportes, 'Barbie' espera axudar a amplificar as voces das mulleres deportistas para conmemorar os seus logros dentro e fóra do campo", sinalou a compañía.

"Espero que as nenas, cando nos vexan xuntas a min e á miña boneca 'Barbie', vexan niso un exemplo de alguén que a pesar de ter certas dificultades, mediante o traballo, o esforzo e sobre todo a confianza nunha mesma podes lograr moitas desas metas que en principio poden parecer difíciles de conseguir", afirmou Susana Rodríguez.

Ademais da viguesa, que o pasado mes de abril fixo historia no deporte galego e de todo o Estado español ao ser a primeira persoa, home ou muller, con discapacidade en recoller o Premio Reina Letizia concedido á mellor deportista do 2022 durante os Premios Nacionais do Deporte, as outras elixidas por Mattel son a tenista estadounidense Venus Williams, as futbolistas Christine Sinclair (Canadá) e Mary Fowler (Inglaterra), a boxeadora francesa Estelle Mossely, as ximnastas Alexa Moreno (México) e Rebecca Andrade (Brasil), a nadadora italiana Federica Pellegrini e a atleta polaca Ewa Swoboda.

Segundo indicou Mattel a través dun comunicado de prensa, 'Barbie' quixo estar presente nestas nove historias "inspiradoras" que servirán "para demostrar ás nenas que todo é posíbel se loitas por iso". "A través de iniciativas como o Proxecto 'Barbie Dream Gap', 'Barbie' comprométese a nivelar o campo de xogo para as nenas en todo o mundo, nos deportes e máis aló, para fechar a fenda que se interpón entre as nenas e o seu pleno potencial", indicou.

"Barbie está encantada de poder continuar a celebración do seu 65º aniversario recoñecendo o impacto dos deportes para fomentar a autoconfianza, a ambición e o empoderamento entre a próxima xeración", apunta dixo Krista Berger, vicepresidenta da compañía. A directiva dixo que, despois de engadir á ex patinadora estadounidense Kristi Yamaguchi á súa liña de 'Mulleres Inspiradoras de Barbie' o mes pasado, agora están "orgullosas de continuar impulsando o momentum ao redor das mulleres nos deportes", ao apostar por estas nove deportistas como as súas "novas referentes".

"As monecas feitas ao seu xeito serven como unha demostración dos nosos valores compartidos de paixón, empoderamento e individualidade. Ao destacar estas atletas inspiradoras e as súas historias, esperamos defender a crenza de que cada nena merece a oportunidade de perseguir os seus soños e convertelos en realidade", engadiu.

Comentarios