118.678 desempregadas na Galiza: o paro crece en 633 persoas no mes de agosto

O número de contratos asinados foi de 61.795, dos que 15.700 foron indefinidos.
Un operario traballa no sector da reparación e instalación de maquinaria e equipamento. (Foto: Bildwerk).
photo_camera Un operario traballa no sector da reparación e instalación de maquinaria e equipamento. (Foto: Bildwerk).

O número de persoas paradas inscritas nas oficinas dos servizos públicos de emprego na Galiza creceu en 633 persoas no mes de agosto, polo que a cifra de desempregadas sitúase en 118.678, segundo os datos feitos públicos esta terza feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social.

Esta cifra supón un incremento do número de persoas paradas dun 0,54 % (fronte ao aumento de 0,86 % a nivel estatal) con respecto ao mes anterior, aínda que en termos de variación anual, o paro rexistrado descendeu en 9.047 persoas (unha caída do 7,08 %).

Por sectores, o maior incremento produciuse no sector servizos, con 578 desempregadas máis (até un total de 84.776 persoas); seguido pola industria, con 153 paradas máis (11.654 paradas en total), e tamén subiu nunha persoa o colectivo de parados sen emprego anterior (10.939 desempregados). Pola contra, baixou o paro na agricultura (86 perdoas paradas menos, até un total de 3.531) e na construción (13 parados menos, até un total de 7.778 persoas).

Segundo os datos do Ministerio, do total de parados rexistrados na Galiza, 48.317 son homes e 70.361 son mulleres; ademais, hai 4.441 parados e paradas menores de 25 anos.

Contratos

O Ministerio de Traballo e Economía Social tamén fixo públicos os datos de contratos rexistrados en agosto, que na Galiza alcanzaron os 61.795, un 24,27% menos que hai un mes, e un 4,2 % menos que hai un ano. Do total de contratos asinados no oitavo mes do ano, 15.700 foron indefinidos e 46.095 foron temporais.

Por sectores, o maior número de contratos correspóndese co sector servizos (50.061), seguido da industria (7.991), a construción (2.187) e a agricultura (1.556).

Prestacións

Finalmente, con respecto ás prestacións (datos de xullo de 2024), o Ministerio rexistrou na Galiza 30.354 solicitudes, a maioría para prestacións contributivas (22.418), e déronse de alta 29.236 prestacións. O prazo medio de recoñecemento foi de 0,62 días.

En Todo o territorio hai un total de 79.546 persoas beneficiarias de prestacións por desemprego. Con respecto aos datos acumulados, a Galiza suma 478.741 contratos, dos que 150.039 son indefinidos (31,34 %) e 326.702 son temporais (68,6 %).

Datos estatais

No conxunto do Estado, o número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego subiu en 21.884 persoas en agosto en relación ao mes anterior, o que supón un aumento de 0,8% en termos porcentuais.

Após o ascenso de agosto, impulsado sobre todo polo sector servizos, o número total de desempregados situouse en 2.572.121, a súa cifra máis baixa nun mes de agosto desde 2008, subliñou o Ministerio.

Neste mes rexistráronse 1.040.159 contratos, case un 4,5% menos que en agosto de 2023. De todos eles, 389.735 foron contratos indefinidos, cifra un 6,97% inferior á dun ano antes. En total, o 37,47 % dos contratos realizados en agosto foron indefinidos, porcentaxe 1,2 puntos inferior ao rexistrado en xullo, cando a proporción de contratos fixos foi do 38,71%.

Comentarios