O persoal laboral maior de 55 anos aumentou 47% desde 2014

En dez anos, o número de persoas en activo maiores de 55 anos aumentou na Galiza un 47%, situando o país en sétima posición no ráking estatal de envellecemento da poboación activa. Ademais, no que respecta ás maiores de 64 anos, son xa 218 por cada 100 menores de 16 anos, un índice do 218%.
Operarios na lonxa de Burela (A Mariña), nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Operarios na lonxa de Burela (A Mariña), nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O número de persoas en activo maior de 55 anos na Galiza medrou 47% na última década e xa alcanza as 283.000 persoas. A nivel estatal creceu un 63% tamén nos últimos dez anos e, por vez primeira, superou os cinco millóns de persoas.

Un informe difundido esta terza feira pola Fundación Adecco sinala que a idade media da forza laboral é cada vez maior. Así, entre as persoas que teñen idade para traballar, as maiores de 55 anos teñen un peso crecente, do 21% na actualidade, fronte ao 13,6% de hai unha década, e o 10% de hai vinte anos.

Na Galiza, esta porcentaxe de maiores de 55 anos é do 22,6%, o que sitúa o país no sétimo posto do ránking de envellecemento da poboación activa

Como consecuencia disto, en 2024, por primeira vez, as persoas activas maiores de 55 anos superan os cinco millóns (5.098.500) no Estado español, un 4,6% máis que en 2023 (4.865.800), un 63% por riba da cifra de hai dez anos (3.114.300) e un 146% máis que hai dúas décadas (2.071.900). 

Maiores de 64 anos

Da mesma maneira, o informe reflicte que actualmente na Galiza contabilízanse 218 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16 anos, un índice do 218% que, segundo a Fundación Adecco, está medrando "a un ritmo desbocado" tendo en conta que os indicadores de esperanza de vida e taxa de natalidade "avanzan sen tregua cara a un inverno demográfico". Este índice é moito máis baixo a nivel Estatal, onde se contabilizan 137 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16 anos, o que supón un índice do 137%.

A pesar disto, Adecco alerta de que este segmento da poboación afronta grandes prexuízos e estereotipos no mercado laboral que poden conducilos á inactividade, ao desemprego de longa duración, a xubilacións forzosas e anticipadas ou a un maior risco de exclusión e/ou pobreza. "Todo un contrasentido, tendo en conta que a idade de xubilación tende á alza, sendo a contribución sénior chave para a competitividade do Estado", engade o informe. 

Por comunidades autónomas, Castela e León (25,8%), Asturias (24,3%) e Cantabria (23,4%) son as rexións que presentan unha forza laboral máis envellecida, cunha maior proporción de persoas maiores de 55 anos no total da poboación activa. No lado contrario sitúanse Baleares (18,3%), Murcia (19,1%) e Andalucía (19.6%). En todo caso, o estudo apunta que en todas as comunidades autónomas a proporción de forza laboral sénior vai en aumento e roza o 20%

"O proceso de envellecemento colleu velocidade de cruceiro e ten un grande impacto no mercado do traballo. En primeiro lugar, a forza laboral é cada vez máis sénior e urxe desterrar os prexuízos e estereotipos que dificultan o acceso ao emprego", afirmou Francisco Mesonero, director xeral de Adecco. A estas dificultades sumou que "o envellecemento trunca as perspectivas de reemprazo xeracional".

Comentarios