Sindicatos avisan de que a folga das ITV "vai recruar" ante a falta de acordo coa empresa concesionaria

A segunda xornada da folga, decorrida o pasado sábado, contou cun seguimento de 100% por parte do persoal.
A ITV de Cacheiras, en Teo, fechada pola folga. (Foto: Arxina)
photo_camera A ITV de Cacheiras, en Teo, fechada pola folga. (Foto: Arxina)

Sindicatos da mesa negociadora da folga das ITV, composta por CSIF, CIG, UXT e CCOO, aseguraron esta terza feira en declaracións á axencia Europa Press que, ante a falta de acordo coa empresa SyC Applus a respecto das demandas salariais do persoal, o conflito "vai recruar". O delegado de CSIF na Coruña, Carlos Candanedo, denunciou que a empresa "non se toma en serio" a folga secundada polos traballadores e traballadoras das ITV galegas, polo que advertiu de que "non queda máis remedio" que aumentar as medidas de presión, chegando mesmo a convocar unha folga indefinida.

A segunda xornada da folga, decorrida o pasado sábado, contou cun seguimento de 100% por parte do persoal. "O seguimento do sábado foi absoluto, unha cousa sen precedentes", destacou Candanedo. En canto á reunión desta segunda feira entre a parte social e a empresa en Santiago de Compostela, que finalizou sen acordo entre ambas as partes, alertou de que "abocará a un futuro incerto" o servizo das ITV no mes de setembro.

CSIF incide en que, após esta última reunión, a empresa "non só non conseguiu compensar a perda de poder adquisitivo acumulada anos atrás, senón que a aumenta cunha proposta de conxelación salarial para 2024 nas catro categorías e niveis profesionais máis desfavorecidos".

Demandas

En días pasados, a CIG tamén sinalaba que ao longo das reunións decorridas até a data a empresa mantivo "inamovíbel" a súa posición, a pesar de que o persoal "rebaixou as súas demandas" para tentar favorecer un acordo que non se produciu e que "obrigou" a convocar esta folga. Tamén indicou que os principais obstáculos na negociación son os que se refiren á xornada, os días de libre disposición ou a avanzar na eliminación das diferenzas entre o persoal de nave.

Pola súa parte, o delegado da CSIF na Coruña incidiu en que a empresa "ten músculo económico dabondo para satisfacer as demandas", aínda que lembrou que non lles resulta fácil "facer razoar á empresa".

Nesta conxuntura, as represantes sindicais advertiron de que as mobilizacións "van ir a máis" e de que van ampliar a presión da parte social, xa que as concentracións que estaban previstas para os sábados do mes de agosto chegarán até setembro.

O responsábel de CCOO-Industria na Galiza, José Luís López, avisou de que, durante a segunda xornada da folga, o pasado sábado, a protesta non afectou de forma masiva as persoas usuarias deste servizo dado que os sábados só abren pola mañá, pero lembrou que coa a ampliación da folga si que se verá afectado o servizo que se presta nas estacións galegas.

Nesta liña, o delegado da CSIF explicou que a bolsa de citas é a que se ve máis afectada, xa que a folga afecta directamente o tempo que tardará un usuario ou usuaria en poder pasar unha inspección, porque "cantas menos horas de servizo, menos coches poden atenderse".

"Agora mesmo estanse dando citas para o mes de setembro, porque isto xera un atraso na bolsa de traballo e, loxicamente, téntanse programar as citas para os ocos horarios máis próximos. Pero todo isto, digamos, retarda o servizo", indicou. Con todo, sinalou que, aínda que a súa intención é que as usuarias non se vexan afectadas, "loxicamente cando fas unha folga e existe un conflito laboral sempre hai danos colaterais; iso é inevitábel".

Comentarios