Convocan unha protesta no Mercadona de Nigrán polos "abusos e ameazas" que sofre o persoal

Xa o pasado febreiro a CIG trasladara á compañía unha serie de incidencias, pero a empresa "mostrouse contraria a realizar ese encontro".
Carros de Mercadona. (Foto: Joaquín Corbalán)
photo_camera Carros de Mercadona. (Foto: Joaquín Corbalán)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de convocar unha concentración no Mercadona de Nigrán (comarca de Vigo) contra os "abusos e ameazas" que, ao seu xuízo, sofre o persoal do devandito supermercado, situado en Porto do Molle.

A protesta comezará contra as 12 horas desta cuarta feira, 14 de agosto, e pretende dar continuidade á campaña que, baixo o lema 'Un segredo a voces', denuncia casos de "abusos laborais, faltas de respecto, insultos e ameazas de responsábeis da tenda ao conxunto do persoal".

Nun comunicado, a CIG indicou que levarán a cabo varias mobilizacións en distintos centros de traballo da contorna durante os próximos meses. Con esta campaña, a sección sindical da CIG en Mercadona quere denunciar publicamente "as desconsideracións, berros, ofensas, persecucións e illamento laboral que realiza a empresa aos empregados e empregadas, nomeadamente ás mulleres", explicou a central sindical.

Xa o pasado febreiro a CIG trasladara á compañía unha serie de incidencias, pedindo unha reunión co departamento de recursos humanos, pero a empresa "mostrouse contraria a realizar ese encontro cualificando a información entregada pola CIG como insuficiente".

A organización sindical lamentou que desde ese momento Mercadona "non tomou ningunha medida", xa que "as vexacións, o acoso, as persecucións, os insultos e os malos tratos van en aumento mes a mes".

Comentarios