Un mercado laboral marcado polo subemprego: un problema que padecen 79.500 persoas na Galiza e que afecta máis as mulleres

UXT chama a facer unha mellora da distribución das horas de traballo.
Unha muller durante a súa xornada de traballo nun comercio polo miúdo de produtos alimentarios. (Foto: Alessandro Biascioli)
photo_camera Unha muller durante a súa xornada de traballo nun comercio polo miúdo de produtos alimentarios. (Foto: Alessandro Biascioli)

O mercado laboral na Galiza enfronta "un problema de subemprego persistente e estrutural" que afecta especialmente ás mulleres, segundo alertou esta cuarta feira UXT. O sindicato denunciou esta situación subliñando como a súa motivación principal unha "ineficiente e desigual distribución do tempo de traballo".

O subemprego é un fenómeno que ocorre no mercado laboral cando as empregadas e os empregados deben traballar menos horas, realizar empregos cun nivel de cualificación inferior ao que teñen ou ocuparse en unidades económicas menos produtivas para evitar quedar sen un emprego. Isto ten como consecuencia a redución da remuneración laboral por baixo do nivel que serían capaces de alcanzar en condicións normais.

A análise baséase nos microdatos trimestrais da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do ano 2023, que UXT utilizou para avaliar a situación do subemprego no país. Segundo a central sindical, "en 2023, a Galiza rexistrou un total de 79.500 persoas traballadoras en situación de subemprego", das cales "51.500 eran mulleres [o 65% do total]".

Até o 11,2% das asalariadas

Até o 11,2% das mulleres asalariadas sofren o subemprego, fronte ao 6,1% dos homes, destacou UXT. Entre as causas que explican por que as mulleres están máis afectadas por este problema atópanse, sinalou o sindicato, "a aceptación de contratos involuntarios a tempo parcial ou a elección desta modalidade por responsabilidades familiares", así como "a dificultade para atopar emprego a tempo completo".

Importante impacto dos contratos a tempo parcial

A organización engadiu tamén que "o contrato a tempo parcial é a principal figura do problema ao haber 58.600 persoas [traballando con esta modalidade de contrato] fronte a 20.900 a tempo completo". Así mesmo, UXT destacou que "resulta paradoxal que un número desproporcionado de persoas traballadoras infrautilizadas coexista con moitas que enfrontan xornadas excesivas (46% das persoas traballadoras soportan xornadas semanais por enriba das 40 horas)". Para o sindicato, os datos proban que "non se pode falar de falta de oportunidades ou de emprego, senón dun mercado laboral ineficiente e sexista".

"A metade dos empregos a tempo parcial son involuntarios, é dicir, por non atopar outros traballos a tempo completo", engadiu UXT. Neste sentido, sinalou a organización, "hai que ter en conta que do total das persoas que están a tempo parcial na Galiza, o 75,7% son mulleres". 

Reabrir de novo o debate arredor do subemprego

En liña cos datos presentados en relación ao subemprego, o sindicato chamou a "abrir o debate sobre a distribución das horas laborais en todos os traballos". Un problema que, segundo alertou UXT, ten "consecuencias sociais e económicas" que afectan a cuestións como "a fenda salarial" e "a fenda nas pensións".

Neste sentido, a organización propuxo cinco eixos de actuación, que inclúen promover cambios normativos, aumentar o salario mínimo interprofesional (SMI) e continuar coa redución da xornada laboral até alcanzar as 32 horas semanais.

Unha de cada cinco persoas podería traballar máis horas

A infrautilización da forza de traballo na Galiza afecta a unha de cada cinco persoas en disposición de traballar, segundo destacou esta cuarta feira UXT. O indicador de partida que emprega o sindicato para chegar a este dato é o número de persoas desempregadas, 121.400 a nivel galego (datos de 2023), ao que habería que sumar o número de persoas inactivas desanimadas, 7.200; o grupo de activas potenciais, 8.700 (como por exemplo as que están afectadas por un ERTE ou están agardando a estación de maior actividade económica), e as ocupadas en situación de subemprego, 79.500 persoas. En termos absolutos, conclúe UXT a partir dos seus cálculos, hai un total de 216.800 persoas na Galiza que poderían traballar máis horas, unha cifra que supón o 20% da forza de traballo existente no mercado laboral galego.

Comentarios