A Galiza conta con 11.962 vacantes en empresas do sector servizos de 10 ou máis asalariadas

O IGE publicou esta segunda feira a Enquisa sobre vacantes nas empresas galegas, grao de utilización da capacidade produtiva e indicador de sentimento do sector servizos da Galiza.
Un grupo de mulleres traballa na cadea de montaxe dunha conserveira. (Foto: David Cabezón / Xunta)
photo_camera Un grupo de mulleres traballa na cadea de montaxe dunha conserveira. (Foto: David Cabezón / Xunta)

A Galiza conta con 11.962 vacantes en empresas de 10 ou máis asalariados e asalariadas no segundo trimestre, fronte ás 15.354 que había no mesmo período do ano anterior, segundo os datos que publica esta segunda feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

En concreto, o IGE publicou a Enquisa sobre vacantes nas empresas galegas, grao de utilización da capacidade produtiva e indicador de sentimento do sector servizos da Galiza. Así, neste segundo trimestre, o 22,8% das vacantes requirían titulación 'STEM1' - relacionada con ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas-, polo que descende respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, no que o 23,3% das vacantes solicitaban este tipo de titulación.

As empresas con maior número de asalariados e asalariadas son as que teñen máis vacantes e as máis pequenas as que teñen menos necesidade de cubrir postos vacantes, segundo constata o estudo. Ademais, a enquisa publicada esta segunda feira recolle que no segundo trimestre o 20,8% das empresas con vacantes aínda tiñan sen cubrir as do trimestre anterior. Esta porcentaxe foi do 30,3% no segundo trimestre do ano anterior.

O motivo máis indicado en todos os trimestres como causante de non ter cubertas as vacantes foi a falta de persoas con formación adecuada (sen ter en conta a formación STEM e a capacitación dixital); a porcentaxe foi do 42,3% no segundo trimestre, algo superior ao do mesmo trimestre do ano anterior (29,5%).

Mentres, o 63,1% das empresas empregan as súas instalacións, maquinaria ou equipamento máis do 75%, porcentaxe que se incrementa con respecto ao do mesmo trimestre do ano anterior, no que as empresas que empregaban as súas instalacións, maquinaria ou equipamento máis do 75% era do 56,4%.Sobre o grao de ocupación do persoal, no segundo trimestre de 2024 o 71,1% das empresas empregan ao seu persoal máis do 75%.

Percepción da situación empresarial

Ademais, a percepción nas empresas galegas de servizos da situación empresarial mantense en valores positivos nos últimos catro trimestres. O mesmo ocorre coa percepción da evolución da demanda de servizos. Pola súa parte, a previsión da evolución da demanda para o próximo trimestre alcanza o valor 20,5% no segundo trimestre de 2023, e mantén un valor positivo.

Comentarios