O Festival de Cinema de Ourense presentará os novos proxectos de sete cineastas galegos

O Ourense Film Festival (OUFF) presenta na súa 29º edición unha nova sección destinada a dar a coñecer novos proxectos da industria audiovisual da Galiza.
Morris en 'Monstro', de Andrés Goteira. (Foto: OUFF)
photo_camera Morris en 'Monstro', de Andrés Goteira. (Foto: OUFF)

O Ourense Film Festival (OUFF) presenta na súa 29º edición, que terá lugar entre o 27 de setembro e o 6 de outubro, unha nova sección destinada a dar a coñecer novos proxectos da industria audiovisual da Galiza. Trátase de OUFF Lab, unha serie de presentacións durante as datas do festival na que sete cineastas e produtores e produtoras galegas darán a coñecer os seus próximos proxectos.

OUFF Lab significa unha ollada cara ao futuro da industria audiovisual galega, con proxectos que abarcan múltiples estilos e formatos, pero que manteñen en común apostar pola Galiza como un territorio variado e transversal para a produción e desenvolvemento dos seus proxectos. Curtametraxes ou longas, de animación, adaptacións de obras literarias e xéneros tan dispares como drama, thriller ou comedia. Unha mostra da diversidade do audiovisual galego e das posibilidades do territorio para ser escenario e lugar de produción destes proxectos.

Nesta primeira convocatoria pasarán polo Centro Cultural Marcos Valcárcel a adiantar os seus proxectos en diferentes fases (desenvolvemento, preprodución e rodaxe) Ángel de la Cruz, Xavier Bermúdez, Andrés Goteira, Ledicia Sola, Álvaro Pulpeiro, Chema Cagino e Xosé Zapata. Xosé Zapata dará a coñecer Mr Ficher`s chair”, obra que co dirixe xunto a Lorenzo Degl'Innocenti e que conta con Woody Allen como voz do narrador desta curtametraxe de animación.

Ángel de la Cruz presentará Non Poderás Levantarte, das produtoras Ézaro Films e Enrique Cerezo Producciones Cinematográficas, con José Montero como produtor. Xavier Bermúdez presenta o proxecto Aburiño, que terá como escenario O Carballiño, producida por Xamalú Filmes. Pola súa parte, Andres Goteirá dará a coñecer o filme Monstro, con Antonio Durán 'Morris', da produtora Gaitafilmes.

Ademais, Ledicia Sola presentará As Augas, unha obra que conta con Alfonso Zarauza na produción e a propia Ledicia como protagonista.Álvaro Pulpeiro presentará Petroleo, unha obra que está producida por Zuzú Cinema e a galega Miramemira. Chema Cagino dará a coñecer Frank Soutelo, investigador privado, unha adaptación do personaxe creado por Miguel Anxo Fernández. A produtora do proxecto é Recrea Films.

Comentarios