As curtas premiadas en Cans inician xira internacional

A primeira parada terá lugar esta sexta feira, 6 de setembro, no Teatro Valadares de Caminha, e contará coa presenza dos directores premiados Pablo Dopazo e Borja Santomé, acompañados do director do Festival de Cans, Alfonso Pato.
Premiadas na XXI edición do Festival de Cans. (Foto: Festival de Cans)
photo_camera Premiadas na XXI edición do Festival de Cans. (Foto: Festival de Cans)

A localidade portuguesa de Caminha acollerá esta sexta feira a primeira das proxeccións do ciclo internacional Cans Itinerante, que o Festival de Cans impulsa para dar a coñecer as curtas premiadas na última edición do certame. O ciclo, que busca promover a nivel internacional o cinema galego e as novas e novos creadores, tamén pasará ao longo deste ano e principios de 2025 por grandes cidades europeas como Lisboa, Barcelona, París, Madrid ou Bruxelas.

O espazo do Teatro Valadares de Caminha será a primeira parada deste percorrido internacional, e terá lugar esta sexta feira 6 de setembro ás 21.45 horas portuguesas. A proxección contará coa presenza dos cineastas Pablo Dopazo e Borja Santomé, que se desprazarán até Caminha para manter un encontro co público, acompañados de Alfonso Pato, director do Festival.

Dopazo estará conversando sobre a súa curta O Frío, que obtivo os premios de Mellor curtametraxe, Mellor dirección e Mellor interpretación masculina para o seu protagonista José María Sanjurjo. Esta curta, que transita entre o documental e a ficción amosando unha relación distante entre un pai e un fillo, xa fora seleccionada anteriormente  na competición de curtas do Festival de Málaga.

Pola súa parte, Borja Santomé, é un  dos animadores galegos con máis proxección. Na última edición gañou por segunda vez a categoría de animación coa obra Alguén me chamou serpe negra, unha curta cun singular proceso de animación, marcado pola formación artística do autor e o seu camiño desde as artes plásticas. O filme xa foi seleccionado en numerosos festivais internacionais e vén de recibir o premio Filmin Oblicua no Festival Mecal de Barcelona.

Ademais destas dúas curtas, a sesión completarase con Betas de Senín Porto, un achegamento ao bullying a través dunha mirada humorística pero crítica, que levou o Premio do Público na última edición, e co documental Vinte en Cans, de Xavi Sobrado, un retrato sobre a idiosincrasia do Festival de Cans, achegando ao público a este certame onde se produce unha comuñón máxica entre veciños, actores, directores e o público que acode cada ano.

Tralo paso por Caminha, Cans Itinerante pasará en outono por Lisboa, Madrid e Barcelona, e a comezo de 2025 por Bruxelas e pola prestixiosa Université Sorbonne-Paris 8.

Comentarios