Os pasatempos de 'Nós Diario' premian unha lectora cunha escapada de turismo rural

O sorteo tivo un grande éxito xa que se recibiron en total 1.022 respostas correctas, e a gañadora, a través do sorteo decorrido esta cuarta feira na redacción de ‘Nós Diario’, foi Teresa Burés Miguéns.

Teresa Burés Miguéns foi a gañadora do sorteo dos pasatempos de Nós Diario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Teresa Burés Miguéns foi a gañadora do sorteo dos pasatempos de 'Nós Diario'. (Foto: Nós Diario)

As páxinas de pasatempos do caderno Máis de Nós Diario incluíron neste 2024 a proba 'Na ribeira’, da autoría de Xoán Costa, que consistía en encontrar nunha grella unha serie de palabras seguindo unha serie de indicacións, ficando unhas letras sen asignar. Con estas, e ordenándoas de esquerda a dereita e de arriba abaixo, sería posíbel atopar unha palabra oculta, que correspondía co nome dun río.

O sorteo tivo un grande éxito, xa que se recibiron un total de 1.022 respostas correctas —263 máis que o ano pasado con ‘Xente de aquí e acolá’—, e a gañadora, a través do sorteo decorrido esta cuarta feira na redacción de Nós Diario foi Teresa Burés Miguéns. A gañadora, en declaracións a este xornal, asegurou estar “moi contenta”. “Gustounos moito facer os pasatempos. Todos os días estábamos expectantes a ver que río tocaba”, comenta.

Teresa Burés desfrutará dunha escapada de turismo rural na Casa do Morcego, en Valdoviño (Ferrolterra). “Irei co meu marido, pois resolvemos os pasatempos entre os dous”, afirma. “Xa participaramos o ano pasado e a verdade é que é bastante agradábel ter no verán un modo de ocio alternativo, pensar nas vacacións tamén está ben”, di Teresa Burés.

Éxito de participación

Xoán Costa e Xerardo R. Roca elaboran para Nós Diario os pasatempos en lingua galega que fan deste xornal unha referencia nese eido. En concreto, para esta proba este xornal recibiu 1.022 respostas correctas o que supón un verdadeiro éxito de participación, incrementando ademais a participación na edición anterior, cando se recibiron 759 respostas correctas.   

E da autoría de Costa e Roca é a revista A formiga no carreiro, un volume de 32 páxinas de pasatempos para exercitar a mente e do que as persoas subscritoras de Nós Diario xa recibiron nos seus fogares catro edición.

"Non se trata de ofrecer unha compilación de diferentes modelos de pasatempos senón que, en torno a unha personaxe como é neste caso a formiga, imos contando unha historia que serve para aprender sobre a Galiza", explica Costa.

Comentarios