Nace a Mostra de Teatro no Mosteiro en San Salvador de Bergondo

A iniciativa nace coa vontade de estreitar os vínculos entre o patrimonio arquitectónico e as artes vivas, dinamizar a través da cultura lugares singulares e achegarlle ao público da comarca un novo punto de encontro co teatro.
'Arte sen guión', de Galeatro. (Foto: Festival de Almagro)
photo_camera 'Arte sen guión', de Galeatro. (Foto: Festival de Almagro)

A asociación cultural Catro Gatos, co apoio da Deputación da Coruña e mais do Concello de Bergondo, celebrará os días 27 e 28 de setembro a primeira edición da Mostra de Teatro no Mosteiro. A iniciativa nace coa vontade de estreitar os vínculos entre o patrimonio arquitectónico e as artes vivas, dinamizar a través da cultura lugares singulares e achegarlle ao público da comarca un novo punto de encontro co teatro.

A Mostra de Teatro no Mosteiro de Bergondo bota andar con estes obxectivos e ofrecerá dous espectáculos nunha primeira edición que servirá de experiencia piloto. Na sexta feira, 27 de setembro, actuará o propio grupo de teatro da Asociación, que representará Río bravo. Ao día seguinte, o sábado 28, ca compañía profesional Galeatro porá en escena Arte sen guión, unha coprodución xunto ao Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura ao abeiro do ciclo Clásicas Desfeitas.

A Asociación Cultural Catro Gatos, entre outras iniciativas, desenvolve cursos de teatro para todas as idades, organiza o Maratón Teatral no que se amosa a actividade anual do grupo de teatro e promove o ciclo Marusía Escénica, no que participan agrupacións amadoras dos municipios de Carballo, Cambre, Sada, Bergondo e Oleiros.

O festival terá o seu epicentro no claustro do Mosteiro de San Salvador, un dos exemplos máis salientábeis da evolución do románico tanto na comarca das Mariñas coma no conxunto do territorio galego. O ano da súa fundación é incerto, aínda que se sitúa como moi tarde no século XI ao constar referencias documentais de 1138. Pertenceu á orde beneditina e tivo unha época de esplendor entre os séculos XII e XIV, acadando grande influencia na contorna betanceira. 

Comentarios