O plan para un golpe de Estado en Honduras xa está en marcha, denuncia a presidenta

Enfrontamento coa oposición pola extradición.
Xiomara Castro. (Foto: Inti Oncon / DPA vía Europa Press)
photo_camera Xiomara Castro. (Foto: Inti Oncon / DPA vía Europa Press)

“A paz e a seguridade interior da República están en risco” por mor “dun novo golpe de Estado que o pobo debe deter”, insistiu a presidenta de Honduras, a progresista Xiomara Castro, que xa alertara da situación a semana pasada. Castro asegurou que “o plan para destruír o meu Goberno socialista, democrático, e o próximo proceso electoral están en marcha”, recolleron a cuarta feira medios internacionais.

A primeira denuncia producírase despois de que a mandataria suspendera o tratado de extradición bilateral cos Estados Unidos a raíz do que considerou unha inxerencia estadounidense, ao acusar a embaixadora en Tegucigalpa Laura Dogu a autoridades locais de reunirse co “membro dun cártel”, en alusión ao ministro de Defensa venezolano, Vladimir Padrino.

O Goberno hondureño detallou que a extradición podería ser usada como “arma política” contra militares ou membros do Executivo, así como que detectou unha conspiración para relevar Roosevelt Hernández, que lidera as Forzas Armadas.

Logo da primeira alerta sobre a sublevación, a fin de semana renunciaron o ministro de Defensa, José Manuel Zelaya, e o seu pai e deputado Carlos Zelaya, familiares de Castro, ao transcender que o segundo reuniuse en 2013 cun grupo de narcotraficantes que lle terían ofrecido diñeiro para unha campaña da actual presidenta. Zelaya asegurou que nunca recibiu cartos e que foi convidado por un grupo de empresarios.

A oposición conservadora acusou a presidenta de suspender o tratado para protexer membros da súa familia. O asunto é especialmente sensíbel nun país no que o ex presidente conservador Juan Orlando Hernández foi condenado a 45 anos de prisión por narcotráfico nos Estados Unidos, cuxa Xustiza concluíu que dirixiu o país como un “narcoestado” fundado despois do golpe de Estado contra o presidente progresista Manuel Zelaya, parella de Castro, en 2009. Desmontar esta estrutura foi de feito unha das principais promesas electorais da líder hondureña.

O Executivo reaccionou a acusación enumerando os 33 políticos conservadores condenados ou investigados por narcotráfico en territorio estadounidense, 26 deles do Partido Nacional de Hernández incluíndo o caso do seu predecesor na Xefatura do Estado, Porfirio Lobo, inculpado por recibir máis de tres millóns de euros do narcotráfico para a campaña electoral posterior á sublevación.

En última instancia, Castro condenou “todo tipo de negociación entre narcotraficantes e políticos”.

Comentarios