Israel abre a porta a saír da fronteira exipcia para frear as manifestacións contra Netanyahu

O primeiro ministro bloqueou até o de agora un acordo de alto o fogo.

Benjamín Netanyahu reuniuse o pasado 25 de xuño con soldados de reserva no norte de Israel. (Foto: Koby Gideon / GPO / dpa).
photo_camera Benjamín Netanyahu reuniuse o pasado 25 de xuño con soldados de reserva no norte de Israel. (Foto: Koby Gideon / GPO / dpa).

Logo da terceira noite de protestas en Tel Aviv (Israel) para exixir ao Goberno de ultradereita que acepte un alto o fogo con Hamás que implicaría un intercambio de persoas israelís detidas en Gaza por palestinas presas en cárceres israelís, a prensa sionista ratificou a cuarta feira que o equipo de negociadores israelí asegurou a Qatar, un dos mediadores canda Exipto e os Estados Unidos, que aceptan que as súas tropas saían na segunda fase da tregua do corredor Filadelfia, localizado na fronteira entre Gaza e Exipto.

Á última hora da segunda feira, o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, defendera en público que permanecerían indefinidamente na área, o que garantiría o rexeitamento de Hamás e Exipto ao pacto. De forma paradoxal, o compromiso con Qatar produciuse horas antes das declaracións de Netanyahu.

O titular de Defensa israelí, Yoav Gallant, criticou a posición pública de Netanyahu incidindo en que a morte de detidas israelís en Gaza, que Hamás atribúe aos bombardeos indiscriminados dos sionistas, “é o resultado directo de non asinar un acordo”.

Supervivencia política

Sexa como for até a prensa local admite que Netanyahu está a dar prioridade á súa supervivencia política con respecto á fin do xenocidio que Israel está a perpetrar en Gaza é ao regreso das israelís detidas.

Cumio con Palestina

O presidente español, Pedro Sánchez, comunicou que antes da fin do ano organizarase unha cimeira bilateral con Palestina, afirmando que seguirá a presionar Netanyahu no Tribunal Penal Internacional (TPI), cuxa Fiscalía pediu unha orde arresto contra el e Gallant por crimes contra a humanidade

Comentarios