A creación escénica busca novos camiños polo norte da península

Esta cuarta feira presentouse en Compostela a nova edición de Camiño Escena Norte, un interesante experimento de intercambio entre a Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa que visa a crear complicidades que propicien a circulación de espectáculos entre estes territorios. 
O Colectivo Glovo representou unha escena do espectáculo 'Tabú' despois da presentación de Camiño Escena Norte. (Foto: Miguel Lamas)
photo_camera O Colectivo Glovo representou unha escena do espectáculo 'Tabú' despois da presentación de Camiño Escena Norte. (Foto: Miguel Lamas)

Mostrarlle ao público a diversidade cultural, lingüística e de formatos da produción escénica dos territorios do norte peninsular e favorecer o coñecemento mutuo entre profesionais e persoas espectadoras deses territorios. Estes eran os obxectivos que se marcaba en 2019 o proxecto Camiño Escena Norte (CEN), do que facían parte daquela as asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas da Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi. Cinco anos máis tarde e en vésperas de celebrar a súa sexta edición, o proxecto integrou Nafarroa, aumentou considerabelmente a programación escénica que lle serve de eixo, e integrou dentro do seu esquema diversas actividades de reflexión, debate e creación que axudaron a consolidalo nun período de tempo relativamente breve (e cunha pandemia polo medio).

A praza do Obradoiro acolleu esta cuarta feira a presentación da programación na Galiza, que comezará na sexta feira 13 de setembro en Santiago de Compostela. A partir de aí, e durante seis semanas -dez días máis que na anterior edición-  algunhas das creacións escénicas máis interesantes da carteleira percorrerán escenarios históricos ou espazos singulares de Vilalba, Melide, Carballo, Vimianzo, Lugo, Ames, Arzúa, Ribadeo e Viveiro; sedes ás que este ano CEN suma Foz e Outes, ao tempo que recupera Sobrado dos Monxes.

Lugar de encontro e de debate

"Camiño Escena Norte está consolidándose cada vez con máis forza", declara Patricia de Lorenzo, presidenta de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, en conversa con Nós Diario. "E todas temos claro que este é un camiño novidoso e moi interesante para afondar nas relacións e no coñecemento mutuo entre profesionais de sistemas escénicos que, até o de agora, viviamos de costas".

A tamén actriz da compañía Chévere destaca que, máis alá da programación escénica "que xa en si supón unha grande oportunidade para o público de coñecer compañías de fóra cunha gran diversidade de linguaxes, estéticas e formatos", CEN proporciona tamén toda unha serie de actividades de grande interese para as persoas profesionais.

"Son espazos de traballo e debate nos que, a través da convivencia, se posibilita un mellor coñecemento das diferentes potencialidades e deficiencias dos distintos territorios e que propician o xurdimento de ideas e propostas para mellorar o funcionamento de cada un de nós", afirma De Lorenzo. "O noso traballo non se limita a realizar unha función: existen cuestións de produción, de distribución, de procura de públicos... que, con pequenas diferenzas, nos concirnen a todos. E cando debates estes temas con persoas que comparten circunstancias parecidas é cando afloran e circulan as ideas".  

Neste sentido, Habitación Peregrina PRO é un espazo de convivencia profesional onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.

O encontro terá lugar, un ano máis, no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo, do 17 ao 19 de setembro.

A cita xirará sobre as posibilidades de transformación, reconversión ou simplemente reflexión sobre o modelo de empresa e os modelos de traballo dos produtores de artes escénicas, así como os modelos sectoriais máis sostíbeis e xustos para todas. "As diferenzas entre territorios no que atinxe ao funcionamento das compañías e na distribución son  moi significativas e por iso queremos avaliar as distintas opcións", aclara De Lorenzo.

Na mesma dirección de ampliar contactos e propiciar complicidades, Cruzamentos é unha rede de estancias de intercambio escénico, artístico e profesional na que, nesta edición, participarán os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette -no Centro Cultural Egia de Donostia, do 23 ao 29 de setembro-, e a galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza -na Casa Vella de Amiadoso, Allariz- do 14 ao 22 de outubro. 

Vieiros, por outro lado, é a iniciativa que une o CEN cun proxecto cultural de cada comunidade, co obxectivo de dar forza e contexto ao programa, ademais de proxectar fóra da comunidade as iniciativas locais. En 2024, traballarase co Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT (Galiza); Rincones y Recovecos (Asturias); Movimiento en Red (Cantabria); Bideart Zigoitia (Euskadi), e Ribera en Danza (Nafarroa).

"En todo caso", remata Patricia de Lorenzo, "todas as que participamos en Camiño Escena Norte somos conscientes da importancia de seguir afondando na creación e mellora destas novas centralidades. Hai vida fóra de Madrid e Barcelona e pensamos que o público ten dereito a coñecer o que se está facendo noutros lugares da península. A cuestión da distribución das obras polo Estado parécenos un dos problemas que debemos enfrontar con máis urxencia".

O traballo de 11 compañías circulará pola Galiza

Quince espectáculos, tres por territorio, conforman este ano o Ciclo Constelacións, columna vertebral de Camiño Escena Norte, unha programación itinerante de artes escénicas de corte xeralista, que se ofrecerá en máis de 60 sedes, na que prevalece a diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para público infantil como adulto.

Neste ano 2024, as compañías asturianas Adrián Conde Espectáculos, Teatro Plus e La Westia Producciones; as cántabras Ruth Garreta-El Conejo Salvaje e Hilo Producciones; as vascas Panta Rhei, Marie de Jongh, K. Producciones e Tanttaka Teatroa; e as navarras Yarleku-El Punto Gunea, Estefanía de Paz Asín e Pájaros Pintados Creación Teatral traerán á Galiza os seus espectáculos máis recentes.

Ao tempo, mentres que un total de 11 compañías visitarán os escenarios do país, as galegas Ibuprofeno Teatro (con Deadpan Karaoke, de Patricia Rodríguez e Marián Bañobre), Píscore-Culturactiva (con Molto Barroco), de Fran Rei e Colectivo Glovo (con Tabú, unha de cuxas escenas representou na rolda de prensa de onte) percorrerán 14 localidades de Asturias, Cantabria, Euskadi e Nafarroa; aínda que non serán as únicas galegas presentes nesta edición xa que a compañía Furia Sotelo participará na rede de estancias Cruzamentos, que forman parte da programación paralela.

Comentarios