Patrimonio C mostra o legado histórico e cultural de Compostela

O sábado 14, a cidade súmase tamén ás celebracións da Noite do Patrimonio con espectáculos de música e danza, itinerarios guiados e coa apertura de portas a obradoiros, espazos de arte e outras localizacións esenciais do seu mapa cultural
César Abella, Goretti Sanmartín, Natividade González, e Manuel Rial na presentación desta cuarta feira, 4 de setembro.
photo_camera César Abella, Goretti Sanmartín, Natividade González, e Manuel Rial na presentación desta cuarta feira, 4 de setembro.

O Concello de Compostela principia este mes o ciclo Patrimonio C, un programa de actividades para difundir e pór en valor a riqueza patrimonial da cidade, alicerzando o seu uso por parte da veciñanza fronte á dinámicas que os limitan a un uso exclusivamente turístico.

A alcaldesa da capital, Goretti Sanmartín, presentou esta iniciativa que conta co apoio da Deputación da Coruña nunha rolda de prensa na que interviron tamén a deputada de Cultura desta institución, Natividade González, e César Abella e Manuel Rial, director xeral e xestor cultural de Trivium, entidade participante na organización do programa. 

O programa Patrimonio C abre o luns 9 de setembro coa sexta edición da Semana do Patrimonio Invisible. Até o sábado 14 este ciclo convida a cidadanía compostelá e as persoas visitantes a coñecer de primeira man edificios e localizacións históricas que constitúen e abeiran boa parte do legado patrimonial de Santiago e que rara vez poden ser visitados. Co gallo de fornecer unha experiencia cultural única para gardar na memoria, deséñanse visitas guiadas e de balde para grupos pequenos e cunha duración aproximada dunha hora que buscan conxugar a calidade do discurso narrativo coa protección dos bens culturais. O mapa inclúe unha ducia de espazos singulares entre os que se contan algúns xa presentes en edicións anteriores, como o Hospital Psiquiátrico de Conxo, o edificio da Facultade de Xeografía e Historia, o cemiterio e a capela do Rosario ou os mananciais de Compostela, alén doutros que centran as visitas nocturnas da Noite do Patrimonio. A eles engádense novos lugares como a fachada e a torre do Tesouro da Catedral, o CSC da Trisca, o Observatorio Ramón María Aller da USC e unha visita secreta.

A Noite do Patrimonio

O Concello de Santiago, que exerce en 2024 a presidencia do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España (CPCHE), súmase un ano máis ás conmemoracións da Noite do Patrimonio ao pór do sol o sábado, día 14 de setembro, promovendo diferentes accións artísticas que dialogan cos espazos urbanos.

Tres liñas de actuación, ‘Patrimonio Aberto’, ‘Patrimonio agora’ e ‘Patrimonio ao Vivo’, estruturan o programa. Ao abeiro da primeira delas, o paseo Compostela Nocturna ofrecerá a partir das 21 horas tres percorridos guiados cunha duración aproximada dunha hora para afondar na relación entre Santiago e a noite. Ás 21 horas abren tamén as portas de centros e entidades que conforman o mapa cultural da cidade, como a Casa das Máquinas, a Zona C (antiga casa do Concello), a Casa do Cabido con acceso á exposición Ksado iconas de Galicia, o Colexio de Fonseca que acubilla a exposición O legado Ángel. Arte e oficio en Compostela ou a igrexa da Universidade, onde se poderá visitar a mostra Instrumentos de visión, de Armin Linke. Estas visitas non exixen reserva previa. Ás 21.30 horas arrancará ademais un itinerario fotográfico da man do artista compostelán Manuel Blanco para descubrir espazos e lugares cun atractivo especial e aprender a fotografalos de noite coas cámaras dos dispositivos móbiles.

No marco da liña ‘Patrimonio Agora’ a noite de portas abertas esténdese a outros espazos creativos que traballan diariamente na creación e reivindicación dun patrimonio vivo e en constante crecemento, como a galería Patio de Luz, a ourivaría de Susi Gesto, o espazo de arte Mareiras Art, de María Eiras, o obradoiro Copia Cerámica, de Pablo Barreiro, ou o espazo de traballo e pensamento O Gabinete, no barrio de Sar.


A axenda da Noite do Patrimonio garda aínda lugar para dúas actuacións especiais de ‘Patrimonio ao Vivo’. Ás 20 horas, o bailador Israel Galván, Premio Nacional de Danza, ofrecerá na Casa das Máquinas o espectáculo de flamenco Solo. E ás 21.30 horas o Coro da Ra arrancará na praza de Cervantes un concerto itinerante co que percorrerá distintos espazos do casco histórico.

Comentarios