O PP carga contra o Consello da Cultura Galega polo informe sobre Altri: "Que fai un órgano especializado na cultura valorando unha instalación industrial?"

Acusa os "supostos especialistas" que redactaron o informe de mobilizarse "sempre en contra de Altri" e "como parte da órbita do BNG".

Os populares Francisco Millá Mon e Adrián Vázquez Lázara. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Os populares Francisco Millá Mon e Adrián Vázquez Lázara. (Fotos: Europa Press)

O PP criticou esta quinta feira o que cualificou de "nula independencia" do informe sobre Altri presentado polo Consello da Cultura Galega e pregúntanse, ademais, "que fai un órgano especializado en cultura valorando unha instalación industrial de tanta complexidade e envergadura".

Nun comunicado, os eurodeputados do PP Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez consideran que o texto está "asolagado de opinións" de expertos que "se posicionaron claramente en contra do proxecto unicamente por motivacións políticas".

Acusan os "supostos especialistas" que redactaron o informe de mobilizarse "sempre en contra de Altri" e "como parte da órbita do BNG".

Para o Partido Popular galego, o informe do CCG "contrasta coa independencia dos funcionarios da Xunta, que analizan a proposta de forma rigorosa e atendendo só a criterios técnicos".

Precisamente, na mañá desta quinta feira a propia presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xustificaba a pertinencia do informe ao ser o Consello un "órgano asesor consultivo", así estipulado desde o Estatuto de Autonomía, lembrou.

Tamén visto que o proceso leva "moito tempo entre a opinión pública, ás veces con opinións moi enfrontadas" e que se trata dunha instalación que podería ter afectacións, non só ambientais, senón tamén patrimoniais.

Así mesmo, explicou que para a elaboración do informe creouse expresamente unha comisión multidisciplinar cunha decena de expertos.

Comentarios