O PP vota en contra de aplicar' axudas ao marisqueo que apoiou en maio

O PP votou esta terza feira en contra na comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego dunha proposición non de lei defendida polo BNG e que pedía a aplicación das medidas de axuda ao marisqueo contempladas nunha iniciativa nacionalista aprobada o pasado mes de maio co apoio do Partido Popular e do PSdeG. 
marisqueo
photo_camera Comisión de Pesca e Marisqueo, esta terza feira (Foto: Parlamento da Galiza).

O PP votou esta terza feira en contra na comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego dunha proposición non de lei defendida polo BNG e que pedía a aplicación das medidas de axuda ao marisqueo contempladas nunha iniciativa nacionalista aprobada o pasado mes de maio co apoio do Partido Popular e do PSdeG. 

A deputada nacionalista Rosana Pérez criticou que dous meses despois de aprobarse aquela proposta —pedía axudas directas até  que se recupere a actividade con normalidade no marisqueo, ou a creación dun seguro público de produción marisqueira que garanta uns ingresos e unha renda digna as traballadoras do mar en inactividade— non se avanzou na mesma.

"A situación das mariscadoras empeorou”, afirmou, criticando que a única achega que recibiron da Administración galega é a de 550 euros que, "dun total de 7.000 profesionais, foi aboada apenas a 4.000".

Julio Abalde (PSdeG) criticou que a estas alturas, e após uns exercicios con fortes perdas no sector, "non haxa riba da mesa ningunha medida seria [por parte da Xunta da Galiza] para solucionar a dramática situación do marisqueo". 

Pola súa parte, Miguel Fidalgo (PP) acusou a oposición de "facer demagoxia" e "intentar manipular" coas súas propostas sobre o marisqueo, ao tempo que cargou contra o Goberno español por "non tramitar a declaración de zona catastrófica" daquelas áreas afectadas pola alta mortaldade de bivalvos.

Defendeu o deputado popular a xestión da Xunta ao longo destes meses neste tema e cifrou en 130 millóns de euros a cifra das actuacións aprobadas polo Goberno galego para o marisqueo, cifra que sorprendeu Rosana Pérez, que se preguntou "de onde saen" eses números.  

Comentarios