Análise

Unha central térmica é patrimonio industrial

Colectivo Bidán está formado por Quico da Silva e Fernando Branco.

Vista da central térmica das Pontes (Eume). (Foto: Carlos Castro Europa Press).
photo_camera Vista da central térmica das Pontes (Eume). (Foto: Carlos Castro Europa Press).

É coñecida a pretensión de Endesa, apoiada polo goberno local do PSOE e por unha parte da Xunta de Galiza, de non deixar rastro ningún das instalacións industriais da central térmica de carbón, un xeito de fuxir da súa responsabilidade histórica e económica coa vila das Pontes; xa colleron o carbón, queimárono, tiraron inxentes beneficios, e agora trátase de borrar do mapa e da memoria esa etapa.

A central estivo acompañada dunha visión negativa, a versión galega da televisiva nuclear inexistente de Springfield, resultado dunha análise que só considera as súas emisións totais de CO2, sen referilas á súa potencia e xeración –chegou a 7% da electricidade estatal, na súa maior parte para o consumo no resto do Estado, sen trasladar os efectos socias e medioambientais–. Tampouco é habitual incluír na mesma a minoración das emisións dispersas, como a das calefaccións domésticas, e moito menos a contextualización histórica da súa construción na crise enerxética de 1973.

Historia sindical

Pero a central das Pontes agocha outras moitas singularidades e oportunidades. Non foi unha central comprada a tecnoloxías foráneas e simplemente operada, tivo reformas, resultado de tecnoloxía e coñecemento local, contando cunha senlleira escola de aprendices. Nos seus inicios queimou só carbón galego, o desprezado lignito pardo, adaptouse a unha mestura deles, tamén de fóra do país, e logo só carbón importado. Non é tan sinxelo adecuar unha instalación destas características a transformacións tan significativas, procesos que permitirían observar usos enerxéticos alternativos compatíbeis, como o almacenamento estacional, tan necesario para o país que debería ser liderado pola Xunta, nunha visión complementaria de circularidade e descarbonización.

Tamén ten unha historia sobre loitas sociais contra expropiacións, pois non só era a central, senón a mina a ceo aberto que ocupou e borrou do mapa unha chea de lugares. Loitas por acadar máis servizos públicos. Tamén loitas sindicais, dende a construción da central a partires do ano 1974, cunha folga no 1975, e un peche de dous sindicalistas na cheminea; con algunhas dirixentes sindicais que, nese momento, estaban en contacto co grupo do asasinado Moncho Reboiras, patriota galego. Foi, xunto con outras moitas loitas, o inicio da consolidación do sindicalismo nacionalista, hoxe primeira forza do país.

Mais as loitas sindicais en Endesa, hexemonizadas polo nacionalismo, como a consecución do Plano de Desenvolvemento Xunta-Endesa-Sindicatos dos ano 90 en resposta anticipada ás consecuencias socioeconómicas do peche da Mina, non foron un feito puntual; son 50 anos de traballo sindical permanente, mesmo xa coa maioría do persoal xubilado loitando contra un convenio asinado pola UXT no 2020 que entregou á multinacional Enel 515 millóns de euros da provisión das traballadoras sobre beneficios sociais. Non foi pois unha loita dun día ou un arrebato de tempos pasados, é parte da historia do sindicalismo nacionalista até hoxe.

Deseño singular

E tamén a central é patrimonio industrial, non só pola compoñente inmaterial descrita, tamén polas estruturas singulares e únicas: unha cheminea, que realmente é un fuste, con catro chemineas dentro, coa parte baixa aberta pola que circulan camións, e cun ascensor que chega case até o punto máis alto, características que a diferencian de calquera outra; un parque de carbóns orixinal e excepcional, non só pola súa estrutura aberta, sen ningunha columna no interior, tamén polas súas dimensións, equivalente a once campos de fútbol; a xeometría das torres de refrixeración; as propias caldeiras, que non están fixas na base, colgan de vigas superiores e que se poden ver por dentro.

A central das Pontes ten estruturas únicas como a cheminea, coa parte baixa aberta pola que circulan camións e cun ascensor que chega case até o punto máis alto.

Todo isto, xunto con outros elementos, debe ser protexido cunha declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), que, por lei, obriga á empresa propietaria ao seu mantemento e a facilitar as visitas. Endesa débenos isto e moito máis. Noutros lugares coidan e conservan estas estruturas, mesmo en Venecia, con tantos recursos turísticos, que aínda mantén unha torre de refrixeración; son moitos os exemplos, ninguén se desfai do seu Patrimonio.

Pola contra, na Galiza, por urxencia e intereses da empresa propietaria, quérese derrubar todo. Precísanse pronunciamentos das institucións culturais galegas, dende o Consello da Cultura até as universidades, como xa o teñen feito outras estatais e internacionais, mesmo o Ministerio de Cultura. A memoria do noso pasado industrial non se pode restrinxir a que no futuro só sexa unha exposición de fotografías.

Comentarios