O gasto da Galiza en tipos de débeda será de 500 millóns en 2027, case 5 veces máis que en 2022

Segundo estimacións da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) baseadas nas previsións oficiais.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no pleno do Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, nun pleno do Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

Os gastos financeiros da Galiza en xuros da súa débeda pública alcanzarían os 503 millóns de euros en 2027, case cinco veces máis que os 102 millóns de euros de 2022, se emitisen nova débeda para financiar os vencementos da que está actualmente en circulación e o déficit previsto, segundo estimacións da Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea) baseadas nas previsións oficiais e nunha serie de supostos "conservadores".

En concreto, Fedea toma como referencia para estas proxeccións as previsións de crecemento do PIB nominal e os obxectivos de referencia para o déficit público das comunidades autónomas recollidas no Informe de Situación da Economía Española 2024, a vida media e os prazos da débeda pública actualmente en circulación, e os tipos de xuro existentes desde 2015.

Tipo medio

Así, o tipo medio da débeda pública na Galiza, definido como o cociente entre o pago anual de xuros e o stock de débeda pública a peche do ano, alcanzará 3,9% en 2027, fronte a 0,9% de 2022. Respecto ao aumento do tipo medio de 2022 a 2027 na Galiza será de tres puntos.

En xeral, segundo o estudo, os gastos financeiros das comunidades autónomas en xuros da súa débeda pública abeirarán os 12.000 millóns de euros en 2027, máis do triplo que os 3.608 millóns de euros de 2022.

O traballo, elaborado polos investigadores de Fedea Manuel Díaz e Carmen Marín, lembra que as comunidades autónomas deberán acometer un proceso de consolidación fiscal nos vindeiros meses para cumprir coas regras fiscais recentemente acordadas no seo da Unión Europea.

Evolución

A débeda da Galiza sitúase en 12.397 millóns de euros no primeiro trimestre de 2024, o que supón a segunda maior cifra na serie histórica, segundo os datos publicados polo Banco de España. Este dato supón un incremento de 227 millóns sobre o que fechara 2023, aínda que está por baixo dos 12.608 millóns do primeiro trimestre do pasado ano, o maior rexistrado nunca no país. No tocante á débeda respecto ao PIB, fica en 16,2% no primeiro trimestre de 2024, unha décima máis que o 16,1% co que concluíra 2023. Na comparativa interanual hai un descenso de máis dun punto sobre o 17,6% que se computaba no primeiro trimestre de 2023.

En 2009 a débeda era de 3.954 millóns de euros e equivalía a 6,8% do PIB da Galiza.

Comentarios