Rueda prefire falar "entre todos" sobre financiamento antes dunha eventual condonación de débeda á Galiza

O presidente galego volve solicitar a reunión con Sánchez e lamenta que a relación entre a Xunta da Galiza e o Goberno español "non vai a mellor, senón todo o contrario".

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira, 2 de setembro. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, esta segunda feira, 2 de setembro. (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, prefire que o relacionado co financiamento autonómico se fale "entre todos" nunha convocatoria da Conferencia de Presidentes, antes de facelo "bilateralmente" sobre unha eventual condonación da débeda á Galiza similar á pactada para Catalunya.

Na rolda de prensa posterior á primeira reunión do Goberno galego tras o parón estival, o presidente recoñeceu que xa lle "gustaría falar de todo iso" co Estado español e, "por suposto", con Pedro Sánchez nunha reunión que, a pesar de solicitarlla tras a súa reelección como titular da Xunta, aínda non se produciu.

Con todo, Rueda insistiu en que "para falar de financiamento", especialmente sobre o trato singular a Catalunya, "está a Conferencia de Presidentes", da que aínda non se sabe "absolutamente nada", para tratalo entre "todos". De feito, destacou a reunión que esta sexta feira decorrerá respecto diso e á que están convocados todos os mandatarios autonómicos do PP.

Sobre a posíbel condonación da débeda da Xunta co Estado español, igual que o pactado con Catalunya, Alfonso Rueda aseverou que, aínda que "non" sabe se o Goberno estatal vai tentar "coa Galiza", non vai caer "nese intento" de "ir falando unilateralmente deses temas económicos" sen antes reunir "a todos".

"Iso é o que vai tentar o Goberno simplemente para que ao final acabemos admitindo como algo admisíbel, como algo normal, o concerto económico con Catalunya. Por tanto, non. Se queren falar de financiamento, primeiro falamos todos e despois falamos tamén do que lle conveña á Galiza", resumiu.

No caso de que o chamen para iso, Rueda confirmou que "irá" pero que manterá esa postura. "Se hai recursos económicos para atender necesidades, eu teño moitísimas propostas para trasladar ao Goberno estatal máis aló da oferta que lle fixeron a Catalunya", engadiu, para seguidamente asegurar que Galiza ten "outras necesidades" que non son esa.

Comentarios