O BNG urxe información e axudas para combater a EHE

A Consellaría do Medio Rural informa da detección de tres novos casos da doenza.
Secundino Fernández (no centro) e Montse Valcárcel, esta cuarta feira, na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Secundino Fernández (no centro) e Montse Valcárcel, esta cuarta feira, na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)

A deputada do BNG no Parlamento galego Montserrat Valcárcel e o deputado Secundino Fernández, acompañados de integrantes da formación nacionalista, visitaron esta cuarta feira unha explotación gandeira no lugar de Lamas de Campos, na Fonsagrada, unha das comarcas afectadas pola Enfermidade Hemorrágica Epizoótica (EHE) e que acaba de ver cancelada unha das súas feiras de gando máis importantes por este motivo.

Desde a Fonsagrada, Valcarce e Fernández esixiron á Xunta da Galiza do PP "medidas urxentes" e que "asuma as súas funcións" nunha situación de "extremo abandono" das gandeiras e dos gandeiros ante a EHE, que lle supón ao sector, calcularon, uns custos medios de 400 euros por animal infectado.

Os gandeiros da Fonsagrada trasladaron a súa "situación de abandono" e "falta de información e de axudas", mentres a Consellaría do Medio Rural está "ausente", criticaron. É por iso que o BNG rexistrou iniciativas no Parlamento para que a Xunta tome medidas canto antes.

A enfermidade, que se manifesta cun proceso infeccioso non contaxioso, é causada por un virus da familia Reoviridae que se transmite por uns mosquitos (Culipoides spp.) cuxo ciclo biolóxico actívase coa suba das temperaturas. Fernández lembrou que o BNG "xa advertiu de que podía pasar coa chegada do verán" e agora demándalle á Consellaría do Medio Rural que "tome medidas e que deixe de buscar escusas, que actúe xa".

Segundo a Xunta da Galiza, en 2023 habilitáronse indemnizacións por valor de 196.000 euros para paliar a morte dos animais afectados pola doenza, axudas "que aínda están sen percibir por parte dos afectados", advirte o BNG. Ademais, afirman, "se se comparan coas recibidas no resto do Estado, son unha cifra excesivamente discreta para o número de casos totais da enfermidade". Os nacionalistas lamentan que a media de gasto de 400 euros por animal que estea afectado "ten que custealo os propios gandeiros sen axuda por parte de Medio Rural".

Tres novos focos

A Xunta notificou esta cuarta feira a detección de tres novos focos de EHE, concretamente nas comarcas veterinarias de Ribadavia, Valdeorras e A Ulloa. Con esta declaración, Galiza xa ten notificados focos en 27 comarcas veterinarias neste novo período estacional de 2024.

Comentarios