Prodúcense 11 detencións en Venezuela pola apagada masiva da semana pasada

A oposición responsabiliza o Goberno
O ministro de Interior de Venezuela, Diosdado Cabello. (Foto: Ministerio de Interior de Venezuela)
photo_camera O ministro de Interior de Venezuela, Diosdado Cabello. (Foto: Ministerio de Interior de Venezuela)

No contexto da investigación pola apagada eléctrica da pasada semana en Venezuela, que afectou 80% do país e que o Goberno do progresista Nicolás Maduro considerou unha sabotaxe contra o sistema eléctrico, o ministro de Interior, Xustiza e Paz, Diosdado Cabello, trasladou na madrugada da quinta feira que 11 persoas foron detidas e trasladadas á capital, Caracas.

Cabello indicou en alusión á oposición conservadora que “saben” que ao atacar estas instalacións dan “un golpe transversal” ao estenderse a problemática á subministración de auga e ao funcionamento dos hospitais.

En paralelo, os opositores, que defenden que se produciu unha fraude electoral nas presidenciais de finais de xullo, atribuíron a apagada ás deficiencias do sistema eléctrico, reiterando que os problemas deste sector ou da sanidade se deben á “desidia, corrupción e incompetencia” do Executivo.

No tocante aos disturbios após a confirmación dos resultados dos comicios por parte do organismo electoral, a Fiscalía asegurou que 70% das persoas detidas non votaron.

Comentarios