As adegas informan a 32,5% dos viticultores da Ribeira Sacra que non lles recollerán a uva

Arranca a vendima nas cinco denominacións de orixe galegas con todas as olladas postas na crise do sector na Ribeira Sacra, unha denominación con 1.227 viticultoras e viticultores que comercializan a súa produción. As adegas comunicáronlle a 400 deles que non lles recollerán as uvas.

RIBEIRASACRA 04
photo_camera Bancais de vide en San Fiz, Chantada, na Ribeira Sacra. (Foto: Toño Núñez)

A vendima bota a andar nas cinco denominacións de orixe galegas. Os ritmos varían en función do nivel de maduración da uva en cada unha delas, comezando nas Rías Baixas coa recollida da uva para os viños espumosos, no Ribeiro coa recollida de uva para os viños tostados e en Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras coa recollida de uva para os viños godellos. Neste sentido, as perspectivas difiren en función de cada unha das denominacións, coa Ribeira Sacra no centro das preocupacións do sector.

O responsábel do sector do viño de Unións Agrarias, Carlos Basalo, explica a Nós Diario que “a vendima está comezando, en xeral está indo moi tranquila, a climatoloxía estanos axudando e comézase a recoller algún godello, en todo o caso as choivas que se anuncian para a fin de semana poden acelerar o proceso”. Neste sentido, considera prematuro facer valoracións sobre o resultado final da campaña a esta altura do proceso.

Por outra parte, a responsábel do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas na comarca de Chantada, Ana Rodríguez, indica a Nós Diario que “agás na Ribeira Sacra no resto das denominacións de orixe non se están rexistrando problemas importantes”. Entre estes desvela “algún problema de prezos na denominación de orixe Rías Baixas, que estamos denunciando”.

Ademais, o presidente da Asociación Galega de Viticultura, colectivo integrado na Fruga, Roberto Rivas, sinala a Nós Diario que “no conxunto das denominacións de orixe, coa excepción da Ribeira Sacra, a vendima preséntase ben”. Neste punto, destaca que “após un ano cunha climatoloxía moi dura a previsión pasa por recoller unha uva de calidade e cunha cantidade razoábel”.

A caída do consumo de viño tinto nos mercados mundiais, europeos e estatais explica parte do problema da denominación de orixe Ribeira Sacra. A este respecto, Carlos Basalo apunta que “despois da pandemia hai un cambio de hábitos, a xente aposta por viños máis frescos como o branco e isto é común en todas partes”. Así, afirma que “na denominación de orixe Bordeos, en Francia, arrincáronse o ano pasado 5.000 hectáreas de vides de tinto e na denominación de orixe Rioxa xa se mandou viño para destilar”.

Ana Rodríguez e Roberto Rivas inciden na mesma idea. Así, a primeira lembra que “o problema dos viños tintos preséntase en toda Europa. Vémolo na Rioxa, en Euskadi ou en Portugal, dado o cambio de hábitos”. Rivas asegura que “a Ribeira Sacra xera excedentes pola falta de saída dos tintos no mercado, nunha denominación de orixe onde o seu peso é moi relevante, a diferenza do que acontece nas outras denominacións de orixe galegas onde os brancos representan unha porcentaxe maior”.

400 viticultores

O problema na Ribeira Sacra é que as adegas teñen comunicado por distintas vías a perto de 400 viticultores que non lle van recoller a uva”, afirma Basalo, quen reclama que se lles garanta ás produtoras e produtores "a recollida da uva garantindo uns prezos que permitan cubrir os custos de produción". Neste sentido, denuncia que “hai adegas que se queren aproveitar desta situación e están ofrecendo recoller a uva sen garantir un prezo razoábel”. A este respecto, as fontes consultadas por Nós Diario confirman que 600 produtores carecen de empresa que lles recolla a uva.

Basalo observa con preocupación o futuro da denominación de orixe Ribeira Sacra. Nesta dirección, asegura que “aquelas persoas ás que este ano non lles recollan as uvas o ano seguinte xa non van volver producir”. Ao tempo, considera que as medidas aprobadas no Consello da Xunta da Galiza da segunda feira non resolven o problema.

A xente está perplexa, pois nunca pasou que lles quedasen as uvas na cepa sen recoller”, di Rodríguez, quen destaca que “a xente confiaba nas adegas mais agora xa non hai certezas nin se sabe o que pode pasar o ano que vén”. Engade que “o problema está en que a xente non ve futuro e non sabe que facer para o próximo ano, despois de que este ano poidan quedar 1,5 millóns de quilogramos de uva sen recoller nas cepas”.

 Rodríguez lamenta que “aquí non se fixo nada, como si se fixo noutras denominacións”, por iso reclama que “este ano se lle pague á xente pola uva que non se lle recolle” e que “se cree unha mesa de traballo participada pola Xunta, polo consello regulador, polos sindicatos e as asociacións de viticultores para buscar solucións de futuro”.

As axudas tal e como as formula a Xunta da Galiza non son a solución para a denominación de orixe Ribeira Sacra, semellan un quero e non podo”, indica, pola súa parte, Roberto Rivas, quen entende que “hai que apoiar de maneira decidida a viticultura de costas e ladeiras, aumentar a capacidade das adegas e garantir que este ano se recolla toda a uva a aquelas parcelas colgantes de difícil acceso para garantir a continuidade da actividade en seguintes tempadas”.

O sector vitivinícola xera o 1,4% do PIB galego

O sector vitivinícola representa o 1,4% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza. Segundo as cifras achegadas para 2021, último ano con datos, pola Interprofesional do Viño de España (OIVE) no seu informe A importancia económica e social do sector vitivinícola na Galiza, as actividades de viticultura, elaboración e comercialización de viño supoñen uns 890 millóns de euros de Valor Engadido Bruto (VAB) ao ano, dos cales 484 millóns son unha contribución directa do sector, 208 son xerados por outras actividades subministradoras do sector (comercio, enerxía, transporte etc.) e 198 son de efecto inducido.

O sector do viño xeraba en 2021 arredor de 15.900 empregos a tempo completo. 8.820 deles, isto é 55,5%, de modo directo, 3.770 de modo indirecto e 3.310 de modo inducido. A este respecto, o relatorio A importancia económica e social do sector vitivinícola na Galiza destaca a relevancia da actividade de transformación e comercialización do viño, até o punto de contar con máis de 300 adegas con sede social e fiscal no país. Así, 79% das mesmas son microempresas, 17% son pequenas empresas e 4% medianas empresas. Nesta dirección, as compañías de tamaño medio concentran 40% da facturación total, as pequenas 31% e as microempresas 29%.

Comentarios